URBANISMO
O BNG advirte da necesidade de frear o proceso de deterioración do edificio do vello hospital das Galeras
Goretti Sanmartín lembra que o BNG defendeu facer un centro de día neste inmóbel e foi a única forza política que se opuxo á ampliación de usos
Santiago de Compostela, 24 de xaneiro de 2022.- A portavoz do grupo municipal nacionalista, Goretti Sanmartín, lembrou que o BNG foi a única forza política da Corporación que se opuxo á ampliación de usos do vello hospital das Galeras para evitar facer un novo centro comercial neste inmóbel.
O BNG defendeu sempre que o espazo do vello hospital das Galeras era un lugar idóneo para instalar alí un Centro de Día, un servizo moi necesario para a poboación da Cidade histórica, unha cuestión que, evidentemente, precisaba do concerto de varias administracións.
“Mentres tanto, o único que temos é un edificio que continúa un proceso de deterioración constante que non se frea e que mesmo pode parecer indicar que se persegue o obxectivo da súa demolición”, advertiu. Afortunadamente, este inmóbel está catalogado mais perdeuse unha oportunidade histórica de apostar por un proxecto ambicioso que fose na liña de recuperar poboación e servizos para a Cidade histórica. Para iso, reclamou que para alén do Concello, “a Xunta ten que ter unha participación importante e non continuar a lle dar as costas ao noso concello en prazas de residencia e centros de día”.