PLENO
O BNG propón a mellora da mobilidade, seguranza viaria e reurbanización do barrio de Salgueiriños
Recibiu queixas da veciñanza polas barreiras arquitectónicas e obstáculos que non permiten a accesibilidade nin as zonas de paseo continuadas
Santiago de Compostela, 25 de xaneiro de 2022.- O BNG proporá no Pleno que o Concello de Santiago de Compostela realice unha intervención para a mellora da mobilidade, da seguranza viaria e da reurbanización do barrio de Salgueiriños, co fin de ofrecer unha continuidade nas zonas de tránsito peonil e de compatibilizar os usos da veciñanza cos accesos aos vehículos de emerxencias do futuro parque de bombeiros.
Segundo explicou Goretti Sanmartín, portavoz municipal do BNG, o barrio de Salgueiriños require dunha actuación de reurbanización ampla posto que alí residen milleiros de persoas que non dispoñen de zonas continuadas para o paseo, ao estar interrompido o tránsito peonil con constantes barreiras arquitectónicas e obstáculos que non permiten a accesibilidade. Ademais, conta con edificios de servizos públicos que congregan persoas doutras zonas de Santiago de Compostela e da súa comarca como o da Axencia Tributaria, a Unidade Municipal de Atención a Drogodependencias (UMAD), a Casa das Asociacións de Benestar Social (CABES) ou o CEGADI.
Outro dos aspectos a mellorar é o espazo reservado para o parque de bombeiros, onde existe unha torre que supón un atranco visual, estético e de seguranza desde que en 2008 se ordenou a paralización desta obra. Cómpre lembrar que nos Orzamentos municipais de 2022 están consignados 520.000 euros para a constitución do novo parque de bombeiros, de aí que sexa o momento de adecuar a contorna desta superficie e de realizar un plan de mobilidade para garantir a compatibilidade de accesos destes vehículos de emerxencias cos usos da veciñanza e dos servizos públicos asentados neste ámbito.
Outra zona pendente de arranxar, que xa o BNG reclamou en diversas ocasións, é a escaleira que une Salgueiriños de Arriba e Salgueiriños de Abaixo, que acaba nun desnivel cuberto por vexetación cun carreiro que se enche de lama cando chove.
No Pleno de febreiro de 2021, o BNG xa reclamou unha intervención para mellorar a estética urbana e a seguranza viaria no barrio de Salgueiriños, onde existen dúas parcelas de titularidade municipal que moitas persoas empregan a diario como zona de paso. Neste caso, demandábase o arranxo dun treito que está rodeado de gardarraís e que, cun pequeno rebaixe do terreo, poderían facerse beirarrúas para ampliar as da avenida do Cruceiro da Coruña e darlle continuidade á senda peonil que chega desde o parque da Ponte Mantible e Parque dos Irmandiños.