PLENO
O BNG demanda unha nova convocatoria de hortas urbanas e o acompañamento formativo neste programa
Diversas concesións de uso remataron e urxe abrir un novo prazo
Santiago de Compostela, 25 de xaneiro de 2022.- O BNG reclamará no Pleno que o Goberno local realice unha nova convocatoria de hortas urbanas para aquelas que na actualidade están en desuso e realice un acompañamento, mediante xornadas formativas, para as persoas interesadas en participar neste programa.
Santiago de Compostela dispón de 294 hortas urbanas a disposición da veciñanza. As primeiras hortas urbanas de Compostela foron as creadas no ano 2008 en Belvís de Arriba, ás que lle seguiron en 2010 as hortas de Belvís de Abaixo. En 2012 acondicionáronse as hortas das Fontiñas, e posteriormente en 2016 habilitáronse as hortas municipais da Almáciga, as da Caramoniña e as das Brañas de Sar, segundo se explica na web de Compostela Verde.
As hortas urbanas municipais son terreos públicos que o Concello de Santiago cede á veciñanza, para seren usadas como terreo hortícola por un período máximo de catro anos. No momento en que rematan estas concesións de uso, debe realizarse unha nova convocatoria de solicitude seguindo a normativa recollida na Ordenanza reguladora do uso de hortas municipais.
Actualmente o Concello de Santiago conta 8 espazos de horta, repartidos do seguinte xeito:
– Belvís de Arriba (30 hortas): concesións de uso até 2020.
– Belvís de Abaixo (26 hortas): concesións de uso até 2023.
– Fontiñas (39 hortas): concesións de uso até 2021.
– Almáciga (32 hortas): concesións de uso até 2020.
– Caramoniña (21 hortas): concesións de uso até 2020.
– Brañas de Sar (54 hortas): concesións de uso até 2020.
– Santa Marta-Conxo-Volta do Castro (38 hortas): concesións de uso até 2023.
– Campo das Hortas (54 hortas): concesións de uso até 2023.