EMPREGO

O BNG organiza repartos informativos para esixir a derrogación da reforma laboral que consolida os recortes de dereitos do PP

Reparto informativo sobre a reforma laboral
Reparto informativo sobre a reforma laboral
Hai 13.180 persoas de Santiago que residen fóra do Estado español e na última década emigraron máis de 14.000 por falta de oportunidades laborais
O BNG organiza repartos informativos para esixir a derrogación da reforma laboral que consolida os recortes de dereitos do PP

Santiago de Compostela, 26 de xaneiro de 2022.- O BNG de Santiago realizou diversos repartos informativos, na rúa e á entrada de fábricas, para esixir a derrogación da reforma laboral e facer un chamamento á convocatoria da manifestación da CIG que sairá este domingo 30 de xaneiro ás 11:30 horas da praza Roxa en defensa dos dereitos laborais. “O acordo de PSOE e Unidas Podemos é un engano, pois véndese como unha gran noticia cando vai consolidar os aspectos máis lesivos da reforma do PP no que significa de non defender dereitos laborais de traballadores e traballadoras deste país”, indicou Goretti Sanmartín.

Segundo explicou Goretti Sanmartín, portavoz municipal nacionalista en Raxoi, en declaracións aos medios de comunicación, diante da negativa de PSOE e Unidas Podemos a derrogar a reforma laboral, o BNG iniciou unha campaña informativa por todo o país, “pois as cuestións máis lesivas da reforma laboral continúan en pé, co abaratamento e facilidades para o despedimento, coa prevalencia dos convenios estatais sobre os convenios galegos e provinciais, coa eliminación da autorización administrativa para os despedimentos colectivos e coas reducións das indemnizacións por despidos improcedentes que, entendemos, ten que situarse en 45 días”.

O BNG vén denunciar que nestes momentos os dous partidos que sustentan o Goberno español, PSOE e UP, están a desaproveitar unha oportunidade histórica porque existe unha maioría suficiente para derrogar esta reforma laboral e en vez de facelo aférranse a unha opción que vai consolidar eses aspectos máis lesivos que introduciu o PP contra os dereitos laborais; “o mínimo que poden facer é presentala como proxecto de lei, de tal maneira que se poida emendar e sufrir modificacións ao seu paso polo Congreso”. “Non pode ser que se furte ese debate ás persoas que teñen a representación lexítima da cidadanía”, engadiu.

Destacou tamén que, de se manter a proposta do PSOE e Unidas Podemos, intensificaranse a precariedade laboral e a temporalidade que afectan en Santiago a sectores tan relevantes como a hostalaría, o turismo, a sanidade ou o ámbito da investigación. “Lembremos que en Santiago son 13.180 persoas as residentes fóra do Estado español e que na última década emigraron máis de 14.000 composteláns e compostelás por falta de oportunidades laborais”, advertiu.

O BNG organiza repartos informativos para esixir a derrogación da reforma laboral que consolida os recortes de dereitos do PP