PLENO
BNG, CA e PP presentan unha moción de urxencia para que o Pleno sexa quen determine o modelo de xestión da auga
Santiago de Compostela, 26 de xaneiro de 2022.- Os grupos de BNG, CA e PP presentarán unha moción de urxencia sobre a necesidade de expresar a vontade do Pleno para determinar a forma de xestión do servizo relativo ao ciclo integral da auga, para instar a respectar esa vontade e para convocar con urxencia a comisión para estudar, valorar e propor a mellor forma de xestión, co fin de non prolongar a orde de continuidade do actual servizo. Demandarán, ademais, instar á Xunta de Goberno Local a non aprobar o procedemento de licitación do servizo até que o Pleno determine a forma de xestión.
“Para o BNG, a xestión da auga como servizo básico non pode avaliarse cos parámetros da especulación e o enriquecemento e merece unha reflexión demorada para analizar as consecuencias dos diferentes modelos de xestión”, explicou Goretti Sanmartín, portavoz municipal nacionalista.
Segundo recolle o texto da moción, o Pleno da Corporación expresou en diversas ocasións a súa vontade de determinar a mellor forma de xestión do servizo relativo ao ciclo integral da auga. Nese sentido, o artigo 123 da Lei de Bases de Réxime Local sinala claramente que lle corresponde ao Pleno “a determinación das formas de xestión dos servizos”. Así, só no caso de que a forma de xestión escollida fose a indirecta, a competencia para a aprobación dos expedientes de contratación, dos procedementos de adxudicación e a súa resolución corresponderíalle á Xunta de Goberno Local.
O certo é que a preferencia escollida no seu día polo Concello, en favor dunha xestión indirecta, non pode entenderse petrificada. Vencido o actual contrato, o Pleno ten todo o dereito de determinar novamente cal é a mellor forma de xestión. Só no caso de que se concluíse que a mellor forma de xestión é a indirecta, a Xunta de Goberno Local podería desenvolver as súas propias competencias.
Malia que o Pleno expresou e reiterou estes mesmo luns a súa vontade de determinar a mellor forma de xestión, a Xunta de Goberno segue dando pasos na tramitación dun expediente de licitación cuxa oportunidade o Pleno quere valorar previamente, advertiu.