PLENO

O Pleno de Santiago reproba a xestión do grupo de Goberno nas obras dos Concheiros, a iniciativa do BNG

Pazo de Raxoi
Pazo de Raxoi
Apróbase tamén a creación de residencias artísticas sobre Rosalía de Castro
O Pleno de Santiago reproba a xestión do grupo de Goberno nas obras dos Concheiros, a iniciativa do BNG

Santiago de Compostela, 27 de xaneiro de 2021.- O Pleno aprobou a reprobación da actuación do grupo de Goberno respecto da planificación, xestión da información, participación da veciñanza e cumprimento de prazos nas obras dos Concheiros, de maneira moi especial do concelleiro de Obras, e reclamou que se asuman as responsabilidades políticas que se derivan deste comportamento. Votaron a favor desta iniciativa do BNG, PP e CA mentres que o PSOE votou en contra.

Segundo explicou na súa intervención Goretti Sanmartín, portavoz municipal do BNG, a dos Concheiros “é unha obra que vén de atrás cun proxecto pensado máis para as persoas que nos visitan que para as que viven no propio barrio, con numerosas deficiencias, con compromisos de modificación atendendo o sentir veciñal que logo non foron realidade e cunha xestión nefasta por parte da empresa que o Concello nunca foi quen de solucionar”. Así, o Goberno local podería ter negociado unha planificación diferente, con non todas as zonas levantadas ao mesmo tempo, requirir máis persoal na obra moito antes do que o fixo, solicitar que houbese alternativas cando se deciden pechar rúas, que se avise con tempo cando se cerra o paso aos locais ou cando se instalan máquinas nas súas portas durante días e días e podería dar o inicio a un expediente de incumprimento dos prazos de execución, engadiu.

“Mais, sobre todo, o Goberno local podía ser transparente na información, dicir con clareza cales eran os prazos con que se traballaba, escoitar e falar coa veciñanza con sinceridade e non dedicarse a xogar co ‘podía ser peor’ ou ‘xa veredes que ben vai quedar”. Deste xeito, referiuse ao “culebrón” de cambios de proxecto, de prazos e de xestión das obras que tanto malestar e perdas económicas están a causar na veciñanza e nos estabelecementos.

“Evidentemente entendemos que é positiva a proposta dos Bonos Corazón para a zona afectada e lembrou que foi o BNG o que levou ao Pleno no mes de setembro unha iniciativa para solicitar un plan especial de recuperación do comercio e hostelaría da zona, plan co que inicialmente o PSOE non estivo de acordo, mais esa actuación non pode ser unha cortina de fume para ocultar a incapacidade de xestión e o atraso nas obras”, advertiu Goretti Sanmartín.

Residencias artísticas sobre Rosalía de Castro

Coa outra proposición do BNG aprobada cos votos de BNG, PP e CA e a abstención do PSOE, o Concello de Santiago mudará a data do Día de Rosalía de Castro para o 23 de febreiro e organizará, conxuntamente con outras institucións públicas ou entidades privadas, un programa  de residencias artísticas co obxectivo de acadar novas lecturas que afonden na rica diversidade da obra rosaliana. Estas residencias proxectaranse nos contextos do Estado español e internacional en que tamén deberán difundirse os resultados das accións en residencia arredor da escritora galega máis universal, segundo recolle o acordo aprobado.

Nesta edición, o BNG propón a convocatoria de residencias artísticas sobre Rosalía de Castro en Santiago de Compostela, co obxectivo de dispor dun espazo para a produción destinado a atraer artistas (de artes pictóricas, do audiovisual, do mundo da música, da creación literaria…) doutros lugares para divulgar o coñecemento da súa obra, ademais de impulsar a dotación de recursos, espazos e sinerxías con artistas e escritores/a locais para estimular a creatividade sobre a literatura, o pensamento e a acción desta escritora vinculada a Santiago de Compostela, defensora da lingua galega e dos dereitos das mulleres.

No apartado de rogos, o BNG reclamou que o Goberno local desenvolva unha intervención con criterios sustentábeis para mellorar a contorna do Carballo de Conxo, que aspira a ser escollido Árbore Europea do Ano. Pediu tamén que realice unha nova convocatoria de hortas urbanas para aquelas que na actualidade están en desuso e realice un acompañamento, mediante xornadas formativas, para as persoas interesadas en participar neste programa. O terceiro foi para que o grupo de Goberno e, concretamente a Concellaría de Deportes, deseñe un plan de actuación para adaptar os vestiarios das instalacións deportivas municipais á realidade dos equipos mixtos, de maneira que poidan facer uso simultáneo dos diferentes vestiarios os e as árbitros, xogadores e xogadoras.

Nas preguntas orais formuladas polo BNG, reclamou que o Goberno local revise o cumprimento por parte da empresa concesionaria do SAF do estipulado no convenio colectivo. As traballadoras do SAF levan tempo denunciando a situación dos salarios baixos e desfasados, contratos parciais e temporais que se poderían encadrar en fraude de lei e pésimas condicións e dereitos no relativo a cuestións como as baixas por enfermidade laboral ou as condicións precisas para a xubilación.

Outra das preguntas foi para coñecer cales foron os motivos do Goberno local para non adoptar medidas alternativas para as persoas participantes en procesos selectivos que estaban confinadas por mor da pandemia da covid-19, como reclamou o Colexio Oficial de Traballo Social de Galiza, e se agora ten previsto corrixir esta situación en futuras convocatorias para situacións semellantes.

O Pleno de Santiago reproba a xestión do grupo de Goberno nas obras dos Concheiros, a iniciativa do BNG