PLENO

Apróbase a proposta do BNG para designar co nome de Luz Fandiño a praciña da Ponte do Sar

Luz Fandiño
Luz Fandiño
Acordouse unha intervención para a mellora da mobilidade, da seguranza viaria e da reurbanización do barrio de Salgueiriños
Apróbase a proposta do BNG para designar co nome de Luz Fandiño a praciña da Ponte do Sar

Santiago de Compostela, 27 de xaneiro de 2021.- A portavoz do grupo municipal do BNG, Goretti Sanmartín, presentou no Pleno unha moción para designar co nome de Luz Fandiño a praciña da Ponte do Sar, ademais de facer un acto este 8 de marzo para recoñecer a súa traxectoria e celebrar o Día das mulleres, ademais colaborar cos colectivos feministas na organización de eventos e mobilizacións que se convoquen. Aprobouse cos votos a favor de BNG e CA e as abstencións de PP e PSOE. Este acordo terá que pasar pola Comisión de Condecoracións e ver o compromiso real do grupo de Goberno do PSOE logo das reticencias manifestadas no Pleno.

Luz Fandiño é unha poeta e activista social que naceu en 1931 no barrio do Sar. Cumpriu xa, por tanto, os 90 anos de idade. Goza dun importante recoñecemento social, sobre todo entre a poboación máis nova, pola súa vitalidade e inconformismo. En 1952 emigrou a Arxentina e en 1964 a Francia, para retornar a Santiago de Compostela en 1979, despois da ditadura franquista.

Outra das mocións do BNG aprobadas foi unha iniciativa cunha batería de propostas para fomentar o uso da lingua galega na administración local. En concreto, propuxo elaborar un novo regulamento de uso da lingua; dotar de máis recursos económicos e de persoal o Departamento de Lingua Galega; fornecer os recursos necesarios para mellorar a competencia e calidade lingüísticas do persoal municipal e ditar unha instrución para que se cumpra a utilización dunha linguaxe inclusiva; e esixiralles ás empresas concesionarias de servizos públicos que garantan a atención e comunicación en galego para as persoas usuarias e o público de Santiago de Compostela. Aprobouse cos votos do BNG e CA e mais as abstencións de PSOE e PP.

Mellora da mobilidade e accesibilidade en Salgueiriños

Aprobouse tamén unha moción do BNG para que o Concello de Santiago de Compostela realice unha intervención para a mellora da mobilidade, da seguranza viaria e da reurbanización do barrio de Salgueiriños, co fin de ofrecer unha continuidade nas zonas de tránsito peonil e de compatibilizar os usos da veciñanza cos accesos aos vehículos de emerxencias do futuro parque de bombeiros.

O barrio de Salgueiriños require dunha actuación de reurbanización ampla posto que alí residen milleiros de persoas que non dispoñen de zonas continuadas para o paseo, ao estar interrompido o tránsito peonil con constantes barreiras arquitectónicas e obstáculos que non permiten a accesibilidade. Ademais, conta con edificios de servizos públicos que congregan persoas doutras zonas de Santiago de Compostela e da súa comarca como o da Axencia Tributaria, a Unidade Municipal de Atención a Drogodependencias (UMAD), a Casa das Asociacións de Benestar Social (CABES) ou o CEGADI. Outra zona pendente de arranxar, que xa o BNG reclamou en diversas ocasións, é a escaleira que une Salgueiriños de Arriba e Salgueiriños de Abaixo, que acaba nun desnivel cuberto por vexetación cun carreiro que se enche de lama cando chove. Aprobouse esta moción do barrio de Salgueiriños cos votos a favor de BNG, CA e PP e a abstención do PSOE.

Aprobouse, ademais, a moción de urxencia -de BNG, CA e PP- para reclamar que sexa o Pleno quen determine o modelo de xestión da auga. Para o BNG, a xestión da auga como servizo básico non pode avaliarse cos parámetros da especulación e o enriquecemento e merece unha reflexión demorada para analizar as consecuencias dos diferentes modelos de xestión.  Así, acordouse a necesidade de expresar a vontade do Pleno para determinar a forma de xestión do servizo relativo ao ciclo integral da auga,  para instar a respectar esa vontade e para convocar con urxencia a comisión para estudar, valorar e propor a mellor forma de xestión, co fin de non prolongar a orde de continuidade do actual servizo. Demandouse instar á Xunta de Goberno Local a non aprobar o procedemento de licitación do servizo até que o Pleno determine a forma de xestión.

Finalmente, aprobouse unha moción conxunta de todos os grupos municipais para expresar o apoio a Tanxugueiras para iren ao Festival de Eurovisión.

 

Apróbase a proposta do BNG para designar co nome de Luz Fandiño a praciña da Ponte do Sar