ELECCIÓNS
Goretti Sanmartín propón un plan de actuación para protexer e difundir o patrimonio cultural das parroquias
É necesario sensibilizar para frear o deterioro que sofre o patrimonio, ademais das agresións provocadas como a do petróglifo do Castriño de Conxo
Santiago de Compostela, 17 de maio de 2019.- A candidata do BNG á Alcaldía de Santiago, Goretti Sanmartín, propón un Plan de Actuación sobre o Patrimonio Cultural das Parroquias que inclúe escavacións arqueolóxicas, restauracións, recollida de documentación histórica, ditos, lendas e costumes e mesmo a memoria sobre a represión franquista “para facer destes bens non só un dinamizador económico senón tamén un elemento de cohesión social”. Ademais, lamentou os danos ocasionados sobre os gravados rupestres do Castriño de Conxo.
A candidata lembrou as actuacións desenvolvidas desde a Deputación da Coruña para a creación do Parque de Compostela Rupestre, co fin de inventariar, catalogar e dar a coñecer os xacementos arqueolóxicos da comarca.
No programa do BNG está darlle continuidade á intervención no Castelo da Rocha e introducir programas de visitas estábeis, ademais de crear un itinerario verde-arqueolóxico até o Castriño de Conxo, os petróglifos e a Ponte da Rocha.
Para o BNG é necesario dar a coñecer entre a veciñanza os monumentos arqueolóxicos como castros, mámoas, petróglifos e o rico patrimonio que se completa coas curtidorías, os lavadoiros, as fontes e diversa arquitectura que, ademais da Catedral, conforma unha cidade como Santiago de Compostela chea de Historia, coa idea de que se sinta orgullosa destes bens que debe protexer e coidar porque fan parte da nosa identidade.