Goretti Sanmartín proporá no Pleno unha batería de medidas para as novas axudas do rescate do sector cultural
Santiago de Compostela, 8 de febreiro de 2021.- A portavoz municipal do BNG, Goretti Sanmartín, presentou unha iniciativa para o Pleno de febreiro para a mellora das bases da nova convocatoria para o rescate do sector cultural máis afectado pola crise da COVID-19. Deste xeito, propón que as bases se realicen en colaboración co sector para facilitar que as persoas creadoras poidan optar, ademais das empresas que desenvolvan a súa actividade no concello e as que teñan proxectos de pequeno formato co fin de que se reinvistan os fondos sen gastar.
As bases da convocatoria para profesionais da cultura aprobáronse o 10 de decembro de 2020, dotada con 300.000 euros. “A piques de se publicar a resolución das axudas, sabemos que se presentaron 76 solicitudes e que 18 delas foron denegadas por diferentes motivos. En calquera caso, e tendo en conta que o máximo por solicitude era de 3.000 euros, ficou unha parte importante do diñeiro sen gastar, ao redor do 50%, un aspecto que contrasta coas axudas doutros sectores, como o comercio e a hostalaría onde foi investido todo o diñeiro previsto”, sinalou.
A relevancia do sector cultural no concello de Santiago, que representa o 5,2% do PIB e que tiña en 2019 case 500 empresas ligadas a este ámbito, ademais da precariedade e das dificultades polas que está a pasar esixe “unha reflexión seria e a modificación dos contidos das bases e dos procedementos para facilitar que as axudas xa non necesarias senón mesmo insuficientes cheguen ao sector”. É por iso que o BNG realizou unha serie de reunións e contrastes co sector con propostas que levará ao Pleno nunha iniciativa a este respecto.
Maior negociación co sector
Deste xeito, destacou que o BNG reclama que se produza un contraste directo da proposta das bases co sector e que sexan o máis específicas posíbeis. “A ninguén se lle escapa que a negociación fundamental que existiu co grupo de goberno foi cos sectores da hostalaría e do comercio e que estas bases parecen responder máis ás súas necesidades que ás propias do sector cultural”, sinalou.
A segunda cuestión é que o modelo de axudas igualitarias onde o que conta é o rexistro de entrada non parece o máis acaído. A escolla dunha convocatoria competitiva é a mellor para discriminar unha tipoloxía de situacións moi diferentes, onde cabe desde unha persoa autónoma a unha empresa con locais, vehículos e persoas empregadas e, por tanto, é lóxico que eses proxecto se midan doutra maneira e non se equiparen nunha igualdade que resulta inxusta.
O colectivo específico que quedou excluído destas axudas é o das persoas creadoras, que son as grandes prexudicadas das convocatorias, pois nin estas nin outras axudas serven para elas. Isto, xunto con outros factores, pode explicar que o groso activo de axentes creadores do concello non puidesen acollerse a elas. Para o BNG é fundamental realizar unha convocatoria independente e que se reinvista ese 50% dos 300.000 euros previstos nunha nova convocatoria con criterios adecuados á realidade e necesidades deste sector cultural, con prioridade para creadores/as e para empresas que desenvolven as súas actividades en Santiago. Esta convocatoria debe ser independente da convocatoria xa anunciada polo Goberno municipal prevista para 2021, que ten que estar dotada, como mínimo, da mesma cantidade que a actual.
Actividades de creación
Outro criterio para mellorar as bases é ampliar as epígrafes de actividade subvencionábeis, incluíndo todas as actividades de creación, de produción e de servizos técnicos.
Tamén parece lóxico que se produza un incremento do importe máximo que se pode recibir por solicitude, polo que propoñemos pasar dos 3.000 aos 5.000 euros”, explicou, “e igualmente entendemos que, co obxectivo de favorecer a extensión das persoas que poidan acollerse á iniciativa, o mínimo de gastos xustificados para poder concorrer á próxima convocatoria debe situarse nos 500 euros (IVE excluído), e non nos 1.000 que figuraba na anterior, para facilitar pequenas empresas que queiran concorrer”.
Por outra parte, considera importante introducir outros elementos nos gastos subvencionábeis, como por exemplo investimentos ou gastos xustificados por ter que tomar medidas diante do protocolo COVID, entre os que entra a mudanza dos aforos e de espazo, para unha nova convocatoria que xa terá o verán como referencia de concesión e un momento en que se agarda que a actividade comece a recuperarse, para destinalos a actividades e gastos de produción.
Caso de se optar finalmente pola fórmula competitiva, con diferenza na puntuación e unha avaliación que en todo caso ten que ser áxil nun procedemento en parte automatizado, proponse estudar incluír unha categoría diferente para persoas (físicas ou xurídicas ou sociedades civís) cuxa sede de actividade estiver no concello de Santiago de Compostela, loxicamente con maior puntuación, e outra cando a porcentaxe de actividade no concello de Santiago fose superior ao 60% ou desenvolvan un número determinado de actividades que favorecen a dinamización cultural no propio concello; unha axuda que, neste caso, sería incompatíbel con ingresar outra percepción polo mesmo concepto ou proxecto no concello onde tiver a sede, explicou.
En canto aos procedementos formais advertiu que é importante sinalar, despois de coñecer diferentes incidencias no proceso de presentación de solicitudes e no funcionamento da páxina web municipal, que a administración municipal é a única que non envía notificacións por correo electrónico, unha cuestión que tamén podería contribuír a solucionar algúns dos problemas existentes e que provocou que algunha xente quedase fóra desta convocatoria.
En último lugar, quixo facer constar que o prazo de presentación de solicitudes foi mínimo nesta ocasión, de tan só cinco días. Inmerso como está o sector en toda a burocracia administrativa para solucionar problemas e presentarse ás axudas das diferentes administracións, non parece o mellor método para fomentar que poida presentarse un número de persoas máis elevado.