DEPURADORA

Goretti Sanmartín advirte que o convenio da depuradora é discriminatorio ao ter que financiar Santiago o 16% da obra

Goretti Sanmartin
Goretti Sanmartin

Outros concellos achegan o 5% do custe da infraestrutura e non queda claro se eses 8,8 millóns se van aplicar nunha suba do recibo da auga para a veciñanza

Goretti Sanmartín advirte que o convenio da depuradora é discriminatorio ao ter que financiar Santiago o 16% da obra

Santiago de Compostela, 5 de febreiro de 2021.- A portavoz municipal do BNG, Goretti Sanmartín, manifestou ao fío da sinatura do convenio para a nova estación depuradora que é “discriminatorio a respecto dos asinados noutros concellos”.

“Desde o Bloque Nacionalista Galego entendemos que é necesario darlle unha solución á construción da nova depuradora, pois hai anos que tiña que estar rematada, mais queremos deixar claro que este convenio é discriminatorio a respecto doutros concellos na porcentaxe que finalmente vai ter que poñer Santiago de Compostela”, advertiu Goretti Sanmartín.

O propio alcalde Xosé Sánchez Bugallo recoñeceu no último Debate do Estado do Concello que a situación da que se partía hai anos era unha ben diferente, na perspectiva de poñer uns terreos ou de achegar o 5% da obra, mais agora o Concello de Santiago de Compostela vai ter que poñer o 16% do custe desta infraestrutura. “Isto representa unha situación que non é nada vantaxosa para os intereses da capital de Galiza e máis nestes tempos de crise”, sinalou. Ese 16% representa 8,877.000 euros aos que hai que sumarlles os intereses deste anticipo que vai facer ACUAES e que van supor case 2 millóns de euros máis por ese concepto.

Ademais, emprazou o alcalde “a aclarar se a cantidade económica que ten que poñer o Concello de Santiago vai repercutir na tarifa da veciñanza, a través dun incremento no recibo da auga, posto que non queda suficientemente definido na proposta de convenio asinado con ACUAES, Augas de Galicia e o Concello de Santiago”.

Lembrou tamén que foi o cambio de emprazamento ao lugar do Souto proposto polo PP con criterios partidistas e non técnicos, o que provocou que finalmente non se puidese desenvolver o proxecto para a construción da nova depuradora na Silvouta, xunto coa inacción de Compostela Aberta que durante a maior parte do seu mandato mantivo esa posibilidade de localización e que só nos últimos meses comezou a reaccionar para mudala, o que deu lugar a que se perdesen os fondos europeos e a que esteamos nesta situación.


 


 


 


 


 

Goretti Sanmartín advirte que o convenio da depuradora é discriminatorio ao ter que financiar Santiago o 16% da obra