ELECCIÓNS
Goretti Sanmartín: “A próxima década ten que ser a da reindustrialización de Santiago de Compostela”
Aposta pola creación dunha oficina de captación industrial, con intervención directa da Cámara de Comercio e da asociación empresarial do Polígono do Tambre, en coordinación co IGVS e o IGAPE
Santiago de Compostela, 21 de febreiro de 2019.- A candidata do BNG á Alcaldía, Goretti Sanmartín, reuniuse coa directiva da asociación empresarial do Polígono do Tambre e defendeu que “a próxima década ten que ser a da reindustrialización de Santiago de Compostela”.
Neste encontro, en que estiveron tamén o concelleiro Rubén Cela e o número 3 da candidatura do BNG, Lois Calvelo, analizaron os datos da desproporción entre o sector servizos e industrial en Santiago de Compostela, con 33.547 e 2.818 persoas rexistradas, respectivamente, “o que dá boa conta da necesidade de reequilibrar este motor industrial para o desenvolvemento profesional e económico”.
Sobre as necesidades dos polígonos industriais, apostou por mellorar os accesos e por instar ao Goberno español que saia despois das Eleccións Xerais “a mudar a temporalización das obras do Orbital para a conexión coa AP-9, pois coa previsión actual non estarán rematadas antes do 2021”.
Neste sentido, Goretti Sanmartín comprometeuse a que unha das primeiras medidas despois das eleccións municipais será solicitar unha reunión coa nova ministra ou ministro de Fomento “para a reestruturación das fases e o cronograma do Orbital e garantir a inmediata execución desta obra imprescindíbel para mellorar as comunicacións e o desenvolvemento industrial de Santiago de Compostela”. Nesa reunión con Fomento tamén reclamará a construción da estación de mercadorías da Sionlla, entre outras.
Incidiu tamén na necesidade dunha política de captación industrial eficiente; na necesidade de estabelecer sinerxías de colaboración entre Concello, Xunta e USC e na eliminación de barreiras de carácter administrativo, tanto para a tramitación de altas de novas empresas que queiran asentarse como na dotación de servizos básicos municipais. Así, Goretti Sanmartín aposta pola creación dunha oficina de captación industrial, con intervención directa da Cámara de Comercio e da asociación empresarial do Polígono do Tambre, en coordinación cos organismos implicados como o IGVS e o IGAPE.
Goretti Sanmartín considera que “debe haber unha persoa que actúe como interlocutora única no Concello para coordinar todas as xestións e trámites que ten que facer unha empresa con esta administración, co obxectivo de simplificar, unificar e axilizar o procedemento”.