ELECCIÓNS

Goretti Sanmartín: “Queremos converter Santiago nunha cidade saudábel e con maior calidade de vida”

Goretti Sanmartín
Goretti Sanmartín

“Queremos aplicar o Plan Municipal de Saúde, coa participación da cidadanía e da comunidade de profesionais da sanidade”

Goretti Sanmartín: “Queremos converter Santiago nunha cidade saudábel e con maior calidade de vida”

Santiago de Compostela, 14 de maio de 2019.- O BNG aposta por converter Santiago de Compostela nunha cidade saudábel e con maior calidade de vida, con medidas que sitúen en primeiro lugar ás persoas e que no ámbito da mobilidade vaian encamiñadas á preferencia peonil, uso de bicicleta, transporte colectivo e despois os coches. Neste sentido, Goretti Sanmartín apoia as iniciativas da Asociación Cívica Composcleta, que promove a bicicleta como un medio de transporte sustentábel, para a creación de rutas que conecten co núcleo veciño do Milladoiro.

Este proxecto de Composcleta, que comparte o BNG, aposta por infraestruturas “seguras, coherentes, cómodas e atractivas desde diferentes perspectivas, entre as que se inclúen grupos de idade, perspectiva de xénero, peóns, ciclistas urbanos, persoas con mobilidade reducida e tamén de lecer”, explicou.

O BNG inclúe no programa para o modelo de cidade saudábel, políticas encamiñadas a evitar a o proceso de privatización da sanidade pública e os recortes aplicados polo PP nos últimos anos, ademais de reclamar o centro de saúde de Conxo, unha dotación comprometida que debe ser prioridade a súa execución no vindeiro mandato.

“Pese a que os concellos non teñen competencias directas no tratamento da enfermidade, son as administracións máis capacitadas para actuar na prevención e na promoción da saúde no ámbito local”, explicou Goretti Sanmartín.

Evitar o peche de camas hospitalarias no verán

Por unha parte, pódense exercer desde o Concello políticas para dinamizar e potenciar o Consello Municipal de Saúde como canle orgánica de participación e debate nas políticas de saúde no ámbito municipal. “Tamén queremos aplicar o Plan Municipal de Saúde, coa participación da cidadanía e da comunidade de profesionais da sanidade”, engadiu a candidata.

“Promoveremos a educación para a saúde e fomentaremos hábitos e estilos de vida saudábeis como lactación materna, alimentación saudábel, práctica de exercicio físico, uso racional dos medicamentos, prevención e erradicación de adiccións”, destacou.

Tamén colaborará no control hixiénico-sanitario dos mercados e establecementos comerciais dedicados á elaboración, almacenaxe, distribución e venda de alimentos e, en xeral, coas redes de alerta en materia de seguridade e saúde.

Outra das medidas que contén o programa do BNG, en atención ás demandas da veciñanza, consiste en mellorar o transporte público ao CHUS e, na liña de facilitar o aparcamento de vehículos privados, “propiciaremos o aproveitamento do aparcamento público de Santa Marta para o acceso ao Complexo Hospitalario”, afirmou. Ademais, é necesario renegociaciar os prezos do parking privado do Hospital Clínico.

Xa no ámbito de reclamar melloras en ámbitos de competencia directa da Xunta, o BNG foi impulsor de numerosas iniciativas para demandar o centro de saúde de Conxo e de Galeras, así como para evitar o peche de camas hospitalarias durante o verán, que provocan o acrecentamento das listas de agarda.

“Neste sentido, instaremos á Xunta a mellorar a atención sanitaria, tanto da Atención Primaria como da Especializada, pulando polo desenvolvemento de programas específicos nos centros de saúde, a transparencia e a redución das listas de agarda e, se fose o caso, a creación de novos servizos”, sinalou a candidata nacionalista.

En canto ao peche de camas, “activaremos unha estratexia municipal para evitar as unidades sen uso nos períodos estivais”. “Mentres hai lista de agarda, é necesaria a contratación de máis persoal durante o período de vacacións para poder atender a demanda existente e manter en servizo estas unidades”, engadiu Goretti Sanmartín, “ademais de esixir transparencia no número de camas pechadas e de operacións que se pospoñen cada verán”.

A isto, o BNG suma a reclamación á Xunta dunha nova ambulancia medicalizada e o incremento de profesionais para a área sanitaria de Compostela, para que poidan atender de xeito debido a ratio que lle corresponde nesta ampla zona xeográfica.

Goretti Sanmartín: “Queremos converter Santiago nunha cidade saudábel e con maior calidade de vida”