ALCALDÍA
Goretti Sanmartín: "Traballaremos estes catro anos para que este proxecto transformador para Santiago de Compostela sexa unha realidade"
Santiago de Compostela, 21 de setembro de 2023.- A alcaldesa Goretti Sanmartín recibiu a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, que inicia en Santiago de Compostela a ruta polas distintas vilas e cidades despois das eleccións municipais.
En declaracións aos medios, Goretti Sanmartín explicou que Ana Pontón comeza a xira de visitas en Santiago de Compostela "onde a veciñanza decidiu apostar por un proxecto transformador que mellore a calidade de vida e que está incardinado nun modelo de país e de saber facer".
Durante a reunión trasladoulle os proxectos fundamentais "para que Santiago avance e sexa un elemento de dinamización comercial e económica que fixe poboación e que consiga un mantemento e mellora de infraestruturas e de equipamentos".
Entre outros, destacou a construción de vivenda pública, a necesidade de incremento do Estatuto de Capitalidade, a dotación dun novo edificio para a Escola Oficial de Idiomas, o centro de saúde de Conxo, o centro de día das Fontiñas, a Escola infantil de Santa Marta, o Conservatorio de Danza e a necesidade dunha taxa turística para compensar os sobrecustos do turismo en canto aos servizos públicos.
Sinalou a necesidade de mellorar a mobilidade na contorna do CHUS, a dotación da rede de abastecemento e saneamento no rural ou a necesidade de compromisos por parte da Xunta para incrementar a partida económica para posta en marcha da nova estación depuradora de augas residuais e o parque comarcal de bombeiros, entre a Deputación da Coruña, a Xunta de Galiza e o propio Concello de Santiago.
"Todas as administracións teñen que colaborar e traballar para poder avanzar, man con man, en proxectos vitais que queremos que sexan unha realidade", indicou. "Para iso traballaremos estes catro anos para este proxecto transformador para Santiago de Compostela sexa unha realidade", engadiu.