FEMINISMO

Goretti Sanmartín reclama o apoio da Corporación ás vindeiras mobilizacións feministas e o incremento de recursos para a prevención e loita contra a violencia machista

Goretti Sanmartín
Goretti Sanmartín

Os datos publicados polo Ministerio do Interior revelan que no primeiro semestre de 2019 houbo 25 delitos e catro violacións denunciadas en Santiago

Goretti Sanmartín reclama o apoio da Corporación ás vindeiras mobilizacións feministas e o incremento de recursos para a prevención e loita contra a violencia machista

Santiago de Compostela, 6 de setembro de 2019.- A portavoz municipal do BNG, Goretti Sanmartín, ao fío das vindeiras mobilizacións feministas, reclamou que a Corporación municipal exprese o seu apoio, ademais do compromiso de incrementar os recursos económicos destinados á prevención e loita contra a violencia machista no próximo exercicio económico.

Segundo revelan os datos publicados polo Ministerio do Interior, no primeiro semestre de 2019 duplicáronse as agresións sexuais e os delitos contra a indemnidade sexual en Santiago de Compostela, con respecto ao mesmo período do ano pasado. Deste xeito, houbo 25 delitos e catro violacións denunciadas nos primeiros seis meses de 2019 na nosa cidade.

O pasado mes de marzo de 2019 o feminismo galego volveu facer historia cunha folga e cunha serie de mobilizacións previas que superaron a asistencia e expectativas xeradas após a tamén histórica xornada do 8 de marzo de 2018. “Porén, a resposta esixida nas rúas non chegou na parte que compete ás administracións públicas e é preciso tomar conciencia da necesidade de incrementar os esforzos a realizar”, explicou Goretti Sanmartín.

Recentemente Galiza, e tamén outros pobos do Estado español, volvían vivir asasinatos machistas que fixeron saltar a alarma social pero que, unha vez máis, non mereceron comparecencias específicas dos gobernos. No mes de xullo produciuse outro feminicidio en Galiza, no concello de Vilalba, un asasinato rexistrado despois de que unha orde de afastamento fose quebrantada, “o que nos recorda a necesidade imperiosa de mellorar os mecanismos de protección existentes e de aumentar os recursos existentes para adoptar medidas para unha transformación social urxente que debilite o sistema patriarcal”, advertiu.

Recordou tamén, por exemplo, novos concursos sexistas que tiveron que ser cancelados por presión social, denuncias por agresións sexuais en festas e festivais, agresións verbais aos puntos lilás de moitos eventos, sentenzas patriarcais, puntos de encontro con condicións inadecuadas e, unha vez máis, pechados no mes de agosto ou problemas coa rede de casas de acollida, ao tempo que o tan publicitado Pacto de Estado é un titular máis do que unha realidade, que aínda non trouxo ningún cambio legal relevante para as mulleres galegas, xunto co cumprimento da Lei galega de 2007 está a ser sistematicamente vulnerado en cuestións tan importantes como a atención psicolóxica dentro da Atención Primaria.

Deste xeito, o BNG demanda da Xunta de Galiza un incremento substancial dos recursos económicos destinados especificamente a loitar contra a violencia de xénero que, como mínimo, deben situarse no 1% dos orzamentos da Xunta de Galiza para o ano 2020. Ademais de esixir que deixe de incumprir a Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero e que comprometa os recursos persoais e económicos necesarios para paliar os efectos negativos da política económica aplicada durante a década Feixóo.

Goretti Sanmartín reclama o apoio da Corporación ás vindeiras mobilizacións feministas e o incremento de recursos para a prevención e loita contra a violencia machista