PLENO
Goretti Sanmartín reclama melloras de accesibilidade no local sociocultural da Almáciga
Pese a ser un espazo público, non dispón de medidas necesarias para facilitar a participación da veciñanza nas actividades
Santiago de Compostela, 30 de outubro de 2018.- A portavoz do grupo municipal do BNG, Goretti Sanmartín Rei, reclama o acondicionamento da actual entrada ao local sociocultural da Almáciga ou a procura dunha nova que facilite que poida ser utilizado pola veciñanza que ve restrinxida a súa participación nas actividades pola falta de accesibilidade e de iluminación.
O local sociocultural da Almáciga, pese a ser un espazo público, non dispón de medidas de accesibilidade necesarias para facilitar a participación da veciñanza nas actividades que alí se desenvolven, principalmente pola asociación Francisco Asorey. Por este motivo, ante as queixas recibidas, o BNG trasladará ao vindeiro Pleno unha iniciativa para procurarlle unha solución.
Ademais da presenza de escaleiras, é necesario atravesar un carreiro sen iluminación para chegar ao espazo sociocultural, o que dificulta nalgúns casos ou veta, directamente, a participación da veciñanza de máis idade nas actividades programadas cando son potenciais usuarias.