RURAL
Goretti Sanmartín reclámalle ao alcalde que axilice a instalación de internet de alta velocidade no rural
Santiago de Compostela, 15 de outubro de 2020.- A portavoz municipal do BNG, Goretti Sanmartín, anunciou con motivo do Día das Mulleres Rurais, que trasladará ao Pleno unha iniciativa para coñecer se se produciron avances do Pacto polo Rural e, en concreto, as previsións do Goberno local para xestionar coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galiza (AMTEGA) e coas operadoras de internet a dotación do servizo de internet, que debera ter carácter universal, nos núcleos que carecen de alta velocidade. O BNG quere saber tamén cales son os criterios que se van utilizar para priorizar a instalación en determinados núcleos e se van ter en conta propostas das asociacións veciñais e da FERUSA.
No documento do Pacto polo Rural, impulsado por FERUSA e asinado por todos os grupos municipais, inclúese un apartado sobre ‘Información, comunicación e participación’ co fin de evitar a incomunicación e illamento do rural e, en concreto, refírese a xestionar con carácter inmediato o acceso a internet, segundo as prioridades consensuadas coas asociacións veciñais das distintas parroquias.
Para reducir a fenda dixital e favorecer a igualdade de oportunidades, faise necesario promover a extensión da banda larga de internet a todos os núcleos de poboación, con especial atención á zona rural, ademais de facer seguimento dos convenios coas operadoras. Isto é un factor fundamental para a vertebración territorial e evitar o despoboamento no rural.
De feito, coa pandemia da covid-19 as dificultades agraváronse nos lugares con baixa ou nula conexión a internet, especialmente nas parroquias do rural, para poder seguir as aulas dixitais e os requirimentos derivados do teletraballo durante o período de confinamento decretado no Estado de Alarma e de emerxencia sanitaria.
Coa posta en marcha da administración electrónica e de diversos servizos online de empresas que se implementaron a raíz da pandemia, de continuar a carencia do servizo de internet en determinados núcleos de Santiago vaise agravar a fenda dixital e a discriminación entre uns barrios e outros, advertiu Goretti Sanmartín.