ELECCIÓNS

Goretti Sanmartín reclámalle ao Goberno local diálogo coa veciñanza para mellorar o proxecto de reurbanización da Calzada de Sar

IMG-20190415-WA0010
Visita a Sar

A candidata reuniuse coa veciñanza de Sar que lle trasladou as queixas sobre a falta de limpeza, problemas de aparcamento, colectores de lixo e sumidoiros que provocan inundacións

Goretti Sanmartín reclámalle ao Goberno local diálogo coa veciñanza para mellorar o proxecto de reurbanización da Calzada de Sar

Santiago de Compostela, 15 de abril de 2019.- A candidata do BNG á Alcaldía, Goretti Sanmartín, logo de se reunir con veciñanza de Sar, transmitiulle ao Goberno local de Compostela Aberta a necesidade de diálogo e participación para atender as queixas sobre o mal estado da Calzada de Sar, a falta de servizos como limpeza e prazas de aparcadoiro.

En concreto, sinalan que a Calzada de Sar non ten sumidoiros adecuados para canalizar a auga cando chove, que inunda e deteriora a rede viaria. Presentan, ademais, queixas da falta de colectores de lixo próximos ás vivendas, pois deben desprazarse a 400 metros para depositar as bolsas, e non hai limpeza das rúas coa frecuencia necesaria.

Outra das preocupación é que as vivendas da Calzada de Sar van quedar sen zona para estacionar os coches e, neste sentido, Goretti Sanmartín reclamou que exista diálogo e que se poñan enriba da mesa argumentos e alternativas para o estacionamento das persoas residentes.

A candidata do BNG lembra que foi, precisamente, a veciñanza quen demandou o acondicionamento desta vía e por iso é necesaria a revisión deste proxecto para dar servizo ás necesidades das persoas residentes neste barrio.

Para o BNG, é necesario estabelecer canles de diálogo e participación para evitar o malestar da veciñanza que non tivo coñecemento previo do proxecto por parte do Goberno local.


 


 


 

Goretti Sanmartín reclámalle ao Goberno local diálogo coa veciñanza para mellorar o proxecto de reurbanización da Calzada de Sar