PLENO
Goretti Sanmartín, sobre a regularización do lixo: “Á inmensa maioría da poboación non lle importa pagar se ten uns servizos de calidade”
O BNG reclama que a regularización do cobro de recollida de residuos se realice a partir do novo contrato
Considera inxusto que as 6.120 vivendas afectadas teñan que afrontar este pagamento cando a prestación do servizo non reúne as condicións do contrato
Santiago de Compostela, 8 de xuño de 2021.- A portavoz municipal do BNG, Goretti Sanmartín, mantivo un encontro coa directiva da Federación de Asociacións Veciñais do Rural de Santiago (Ferusa), para analizar a situación da regularización do cobro do recibo do lixo, que afecta a 6.120 vivendas en Santiago de Compostela e que suporán uns ingresos de 300.000 euros para as arcas municipais, segundo estimacións da concelleira de Facenda. “Á inmensa maioría da poboación non lle importa pagar se ten os servizos adecuados, o que quere é recibir uns bos servizos de calidade”, explicou Goretti Sanmartín.
Así, o BNG comprometeuse a trasladar unha iniciativa ao Pleno de xuño para reclamar a suspensión temporal do procedemento de regularización para o cobro de recibos de recollida de residuos ás vivendas do rural en que non se aplica até que entre en vigor o novo contrato. En concreto, segundo os datos da concelleira de Facenda son 3.277 vivendas en ámbito urbano, 1726 en núcleos rurais e 1.157 no ámbito rural.
Deste xeito, o BNG considera inxusto que estas 6.120 vivendas teñan que afrontar este pagamento cando a prestación do servizo non reúne as condicións que viñan marcadas no contrato, “pois non dispoñen de recollida diaria, nin de colectores de recollida separada para a reciclaxe, nin de limpeza de colectores”.
“Trátase de vivendas que reciben un servizo básico con numerosas carencias e que non cumpre o que está estipulado no contrato, de aí que apostemos pola regularización deste pago cando entre en vigor a nova concesión para poder esixirlle as prestacións á empresa adxudicataria”, explicou.
O BNG considera tamén que coa crise da pandemia da covid-19, que está a afectar ás economías domésticas pola perda de numerosos postos de traballo e pola crecente precariedade laboral, non é o mellor momento para facer esta regularización do recibo do lixo, de aí que defende que se pode pospoñer esta decisión para que no rural paguen polos servizos básicos cando se presten en boas condicións.