TRANSPORTE

O BNG insta a solucionar, de urxencia, o conflito da liña 6 da Lavacolla pois os autobuses non recollen a veciñanza cando van cheos de turistas

Goretti Sanmartín
Goretti Sanmartín

Goretti Sanmartín reclama a readmisión dos condutores despedidos e que se reforce o servizo nos horarios de chegada de avións

O BNG insta a solucionar, de urxencia, o conflito da liña 6 da Lavacolla pois os autobuses non recollen a veciñanza cando van cheos de turistas

Santiago de Compostela, 7 de xuño de 2021.-  O BNG reclámalle ao Goberno local que restabeleza as frecuencias necesarias para a liña 6 do transporte urbano, tendo en conta que desde o cambio de concesionaria os autobuses están a deixar veciñanza da Lavacolla en terra porque xa van cheos desde o aeroporto. Deste xeito, Goretti Sanmartín insta a solucionar esta situación, con urxencia, “mediante a readmisión dos condutores despedidos para a reposición do servizo en boas condicións co obxectivo de garantir as prazas necesarias para a veciñanza”.

Co cambio de concesionaria, a nova empresa non subrogou os contratos dos condutores do traxecto do aeroporto e na actualidade recortáronse as frecuencias de paso pola Lavacolla e San Lázaro. Cando chega un avión ao aeroporto e o autobús vai cargado de pasaxeiros/as, son moitas as persoas de Santiago que quedan sen recoller no traxecto porque nin sequera fai as paradas marcadas na ruta.

Advirte de que esta situación “pode agravarse coa entrada en funcionamento de novas conexións aeroportuarias de non restituír o servizo nas condicións que lle corresponden de transporte público colectivo que precisa a veciñanza”.

O BNG recibiu queixas deste feito, pois afecta en determinados horarios que viñan usando este servizo para o transporte escolar desde San Lázaro a Xoán XXIII, o que provoca que as familias teñan que coller taxis para poder chegar a tempo cada vez que o autobús pasa de longo sen recoller o alumnado.

Da asociación Camiño de Santiago de Bando tamén trasladaron un escrito ao grupo de Goberno, do que enviaron copia ao BNG, onde manifestan “sentirse discriminados e sufrir as consecuencias de non poder desenvolver a súa vida cotiá” cada vez que os autobuses da liña 6 non efectúan as correspondentes paradas para dar servizo á veciñanza por ir cargados de turistas procedentes do aeroporto.

“Esta perda de calidade do servizo producida co cambio de concesionaria non se pode consentir porque a empresa actual non está a cumprir coas necesidades da veciñanza de Santiago e o Goberno local debería vixiar estes incumprimentos”, indicou.

 

O BNG insta a solucionar, de urxencia, o conflito da liña 6 da Lavacolla pois os autobuses non recollen a veciñanza cando van cheos de turistas