PLENO

Goretti Sanmartín reivindica a vocación de servizo público dos informativos locais radiofónicos

Reclamará no Pleno que a Corporación municipal inste á dirección da CRTVG a manter os informativos locais da Radio Galega e o espazo do Diario Cultural

Goretti Sanmartín reivindica a vocación de servizo público dos informativos locais radiofónicos

Santiago de Compostela, 22 de maio de 2018.- A concelleira Goretti Sanmartín expresou a preocupación do BNG pola desaparición de programas de ámbito local “fundamentais polo achegamento á veciñanza de problemas da proximidade e tamén pola capacidade que teñen para dar esa visión plural, heteroxénea e diversa do país”.

É unha misión fundamental dos medios de comunicación, tanto público como privados, de facer ese achegamento á realidade de cada veciño e veciña de cada localidade, sinalou. Referiuse á desaparición das emisións de Santiago TV, Correo TV e agora súmase o anuncio da Radio Galega de suprimir os programas informativos de ámbito local, que contribuían a dar a coñecer a realidade sociopolítica de Compostela.

Cuestionou, deste xeito, que un medio público como a Radio Galega “que naceu con esa vocación de servizo público e que se facía integramente en galego” anuncie a desaparición deses informativos locais “en detrimento da centralidade”.

Tamén mostrou a discordancia de que neste paquete de mudanzas se decida suprimir o Diario Cultural, que leva 28 anos en antena, “un espazo concreto destinado a debater, contrastar e opinar nun programa de referencia para o conxunto da poboación”. Referiuse ademais a que “todo o sector cultural está moi preocupado por esta cuestión” e moitas persoas e colectivos expresaron a súa desconformidade.

Deste xeito, reclamará no Pleno que a Corporación municipal inste á dirección da CRTVG a manter os informativos locais da Radio Galega e o espazo do Diario Cultural.

Goretti Sanmartín reivindica a vocación de servizo público dos informativos locais radiofónicos