ORZAMENTOS
Goretti Sanmartín: “A responsabilidade de que se prorroguen os Orzamentos será exclusiva de Compostela Aberta”
“Un alcalde responsábel, ao ver que as negociacións non van por bo camiño, tomaría directamente as rendas para chegar a acordo”, afirma
Santiago de Compostela, 11 de decembro de 2018.- O grupo municipal do BNG realizou unha valoración inicial sobre o extracto dos Orzamentos que lle trasladou o Goberno de Compostela xusto antes da súa presentación pública. Deste xeito, a portavoz municipal Goretti Sanmartín advertiu de que “a responsabilidade de que se prorroguen os Orzamentos será exclusiva de Compostela Aberta porque desta vez non tivo vontade de chegar a acordo necesario” para aprobalos sen ter maioría absoluta.
O BNG, desde a oposición, sempre mantivo “unha postura construtiva” a respecto da negociación dos Orzamentos municipais, “tanto co PP como con CA sempre tivemos unha predisposición real a dialogar, acordar e sacar adiante proxectos e actuacións que foran positivas para Santiago e para a súa veciñanza”, explicou Rubén Cela. “Para nós, o debate orzamentario é o máis importante do ano e actuamos en consecuencia, abordándoo con seriedade e rigor e sempre antepondo os intereses da veciñanza e de Santiago aos nosos como forza política que está na oposición”, engadiu.
O BNG encarou o proceso de negociación con Compostela Aberta coa mesma predisposición ao diálogo que das veces anteriores. Mais antes de falar das propostas para o orzamento de 2019 puxo dúas condicións previas que manifestou nas dúas únicas reunións que mantivo até hoxe (17 de setembro e 11 de outubro); que se cumprisen os compromisos adquiridos na negociación para a aprobación das contas nos anos anteriores e que, ademais de falar dos gastos, se tratasen os ingresos a través do debate das ordenanzas fiscais. Mais Compostela Aberta non cumpriu ningunha das dúas.
O Goberno de Martiño Noriega “negouse tallantemente” a dar o debate da modificación das ordenanzas fiscais e voluntariamente volveranas prorrogar como nos exercicios anteriores e, polo tanto, renunciarán á aplicación de políticas sociais mediante esa vía, coa posibilidade de “ampliar exencións e bonificacións en impostos públicos para as persoas que o están a pasar peor”, explicou.
Compostela Aberta sostén que cumpriron os compromisos co BNG “nun grao moi satisfactorio”, cuestión coa que o BNG discrepa radicalmente. “É certo que grazas á negociación do BNG conseguimos algunhas cousas importantes, contribuíndo a facer uns orzamentos mellores dos que presentaba CA en solitario”, como as novas instalacións para a Escola Municipal de Música, o acondicionamento da zona onde se realizou o Banquete de Conxo, a duplicación das bolsas para comedores, a recuperación do Premio Xohana Torres e os proxectos do parque de skate do parque das Hortas, que veñen de anunciar, relatou.
“Esas obras non estaban previstas nos orzamentos de CA, se se fixeron, foi polo empuxe e negociación do BNG”, afirmou Rubén Cela. “Nese sentido, cremos que foi positivo”, sinalou, “porén, non é menos certo que ficaron un número de cousas que para nós eran claves como o aparcadoiro público para o Ensanche, a nova cuberta da piscina de Sar, a inspección de servizos externalizados, os impostos á carta, o programa piloto de actividades extraecolares municipal, os paneis de comunicación social, o Plan Especial Brañas do Sar ou os parques infantís cubertos.
“O relato de CA pasará polo vitimismo, que é o deporte favorito do alcalde”
Pola súa parte, Goretti Sanmartín destacou que “tal e como se produciron os feitos é imposíbel que o BNG vote a favor desta proposta de orzamentos”. Compostela Aberta non tivo “unha vontade real de chegar a acordos”, destacou. “A pesar de que o seu relato pasará polo vitimismo, que é o deporte favorito do alcalde, se finalmente o Concello de Santiago ten que prorrogar o Orzamento, será responsabilidade exclusiva de Compostela Aberta”.
Deste xeito, sinalou que Compostela Aberta “non asume que é un goberno en minoría e que pretende gobernar como se tivese maioría absoluta, de aí que a negociación e o acordo non son unha posibilidade, senón que son unha obriga”.
Demóstrase tamén que en vez de facer un esforzo real para conseguir apoios prefire a propaganda. “Dannos traslado aos grupos da oposición da proposta de Orzamento uns minutos antes de facelo en rolda de prensa, exactamente como facía Conde Roa”, lembrou, e sen ter negociado previamente o apoio de ningún grupo da oposición para poder sacalos adiante.
Para o BNG, este comportamento de Compostela Aberta resulta “moi irresponsábel”. “Se Santiago ten que prorrogar os orzamentos do ano pasado será responsabilidade exclusiva de Compostela Aberta”, subliñou. “Un alcalde responsábel, ao ver que as negociacións non van por bo camiño tomaría directamente as rendas da negociación, mais non o fixo”, afirmou Goretti Sanmartín.