Goretti Sanmartín sinala que o resultado do BNG-Nós non foi satisfactorio nestas eleccións"
Agradeceu a militancia local que traballou de maneira ilusionada nesta campaña cando non é fácil cambiar tendencias condicionadas dende o escenario estatal
Santiago de Compostela, 27 de xuño de 2016.- A concelleira do BNG de Santiago Goretti Sanmartín Rei valorou en rolda de prensa os resultados das Eleccións Xerais do 26 de xuño no ámbito local, onde a formación nacionalista obtivo 2.055 votos (3,70%). Son resultados malos para o nacionalismo e sobre os que teremos que traballar no conxunto do país e da organización, aínda que non son extrapolábeis a outra citas electorais, indicou.
Da mesma maneira que acontece no conxunto do país, os resultados do BNG-Nós Candidatura Galega non son satisfactorios pola diminución do apoio con respecto ás anteriores Eleccións Xerais que, no caso concreto de Santiago de Compostela, anda arredor de 900 votos menos e unha perda porcentual dun punto e medio, explicou.
Sabiamos que estabamos nun contexto moi complexo e difícil, onde todo se moveu dende unha perspectiva presidencialista de catro candidaturas estatais que facían que todo estivese polarizado ao redor delas e foi moi complicado pór enriba da mesa os problemas de galegas e galegos e as cuestións concretas que nos atinxían a nós, lembrou. Así, aludiu a que a formación nacionalista realizou un esforzo moi grande para facelo dende unha perspectiva nacional e local, se ben é evidente que non o conseguimos. Deste xeito realizou un chamamento a todas as persoas que saben que é preciso que exista unha alternativa nacionalista no noso país.
Aínda que esa baixada do apoio ao BNG sexa no conxunto do país e de maneira relevante nas cidades, no caso de Santiago de Compostela, explicou, é a segunda cidade que mellor resiste, despois de Pontevedra, e que mellores datos ten.
Pensamos que existe unha valoración positiva do traballo realizado por nós e queremos aproveitar para agradecer a militancia local que traballou de maneira ilusionada e entusiasta nesta campaña, cando non é fácil cambiar tendencias e dinámicas que veñen condicionadas dende o punto de vista estatal, engadiu. O esforzo do BNG vai estar posto en facer posíbel, en contribuír e en traballar para que esa alternativa nacionalista sexa chave e definitoria para abrir un novo mapa político e escenario a nivel galego, concluíu a concelleira do BNG no pazo de Raxoi.