PLENO

Goretti Sanmartín traslada ao Pleno as demandas da FANPA para mellorar as dotacións do ensino público en Santiago

Reunión coa FANPA
Reunión coa FANPA

Trátase dunha listaxe de propostas sobre os comedores escolares, a renovación do mapa escolar, a falta de seguranza viaria na contorna dos centros de ensino e as actividades de conciliación, entre outras

Goretti Sanmartín traslada ao Pleno as demandas da FANPA para mellorar as dotacións do ensino público en Santiago

Santiago de Compostela, 19 de decembro de 2021.- O grupo municipal do BNG mantivo unha reunión coa nova directiva da Federación de Asociacións de Nais e Pais de Compostela (FANPA) en que advertiron da necesidade de maior diálogo e cumprimento de acordos por parte do Goberno local do Concello de Santiago.

A portavoz municipal do BNG trasladará ao Pleno de decembro unha moción para demandar que se convoque de xeito inmediato o Consello Municipal de Educación e para que o Goberno local desenvolva unha planificación de acordo coa comunidade educativa e coa FANPA para solucionar os problemas detectados.

Segundo explicou Goretti Sanmartín, trátase dunha listaxe de propostas derivadas do servizo externalizado dos comedores escolares, da necesidade renovar o mapa escolar, da mobilidade e falta de seguranza viaria na contorna dos centros de ensino, da falta de dotación de profesorado, do programa das actividades de conciliación e da necesaria dotación de actividades extraescolares e das diversas obras pendentes nos centros de ensino públicos de Santiago de Compostela.

En concreto, sinalou que no referido aos comedores escolares, e mentres non sexa posíbel a transferencia á Xunta de Galiza, o Goberno local continúa sen publicar o prego do novo contrato do servizo de comedores escolares que expira en xaneiro de 2022 e descoñécese se vai incluír as melloras na calidade alimentaria e organizativa que propón a FANPA. Trátase de optar por unha mudanza de modelo e de apostar por posuír un proxecto educativo municipal ou entender os comedores como un simple servizo de manutención, e sen a calidade que merece a comunidade educativa.

Tamén se referiron aos problemas de mobilidade e falta de seguranza viaria na contorna dos centros de ensino, á necesidade de renovar o mapa escolar, á falta de dotación de profesorado, á pésima planificación das actividades de conciliación e extraescolares e a diversas obras pendentes nos centros de ensino.

En canto aos problemas existentes de seguranza viaria e ordenación do tráfico, destacan a necesidade de realizar un Plan de mobilidade que inclúa o sistema de Colecamiños nos centros escolares. Cómpre habilitar zona de paso, medidas para a redución de velocidade, sinalización dos pasos de peóns, melloras nos espazos de estacionamento do transporte escolar e recordar que non se pode aparcar enriba de beirarrúas para poder facilitar o tránsito peonil nin deixar os vehículos privados nas zonas reservadas para os autobuses, como acontece na actualidade.

Cómpre tamén unha revisión do Mapa escolar, un tema que xa foi aprobado a través dunha iniciativa do BNG en febreiro de 2021 e que segue sen se actualizar. Cómpre lembrar que para a aprobación da “modificación de zonas de escolarización é preceptiva a convocatoria do Consello Municipal de Educación, ademais de consultar tamén o Consello Escolar Municipal, onde está representada a comunidade educativa local.

De feito existe a necesidade de incrementar alumnado e profesorado, ademais de espazos no IES Lamas de Sar, CEIP de Roxos, CEIP Monte dos Postes e das Fontiñas. Así, o BNG xa trasladou a proposta para que o Concello de Santiago poña a disposición da Xunta un terreo municipal para construír un novo centro de ensino -en Lamas de Abade ou na localización que se determinar- co fin de que poida atender a demanda existente e evitar o desprazamento a outros centros de ensino.

Tamén se produciron mobilizacións ante o recorte de profesorado e o feito de que a Xunta optase por compartir profesores en itinerancia entre o CEIP Monte dos Postes e das Fontiñas. Na actualidade vense afectadas tres prazas dun titor, de Audición e Linguaxe, Pedagoxía Terapéutica, para o que requiren a asignación de docentes a tempo completo e que se respecten as características destas prazas tal como aparecen nos catálogos destes centros de ensino.

É necesaria a ampliación de prazas para persoas con diversidade funcional, como reclama a ANPA da Barcia, e darlle continuidade á formación de alumnado maior de 21 anos con necesidades especiais.

En canto á falta de programación das actividades extraescolares e os continuos vaivéns e mudanzas nas de conciliación, que en ningún caso son suficientes, nin cuantitativa nin cualitativamente, o Goberno local está a provocar que se favorezan os modelos privados e relixiosos e se deixe sen este dereito de actividades públicas municipais de conciliación a numerosas familias. É necesario un modelo de actividades de conciliación para evitar seguir a dar pasos atrás nos servizos públicos e en materia de fomento da igualdade de oportunidades para a infancia, cando o PSOE en campaña electoral se comprometera a reforzar os programas de lecer nos fins de semana e nos períodos de vacacións, indicou Goretti Sanmartín.

Goretti Sanmartín traslada ao Pleno as demandas da FANPA para mellorar as dotacións do ensino público en Santiago