PLENO
O BNG preguntará no Pleno polo control da empresa encargada dos semáforos e do sistema antiincendios do túnel do Hórreo
Segundo a documentación achegada, trátase de incongruencias no desenvolvemento do prego de condicións que se puxeron previamente en coñecemento da Alcaldía e do concelleiro responsábel no relativo aos erros detectados no funcionamento do sistema antiincendios do túnel do Hórreo. Fai tamén referencia á nave de almacenamento que ten material de obras que non corresponden e ao persoal asignado a este contrato, no relativo ao número, titulacións e experiencia requiridas, dedicación fóra do termo municipal, non substitución de baixas e funcións alleas encomendadas que debe prestar esta contrata en Santiago de Compostela.
Neste sentido, o BNG vén reclamando un maior control e inspección das empresas concesionarias municipais, co fin de que o investimento de fondos públicos repercuta no cumprimento dos contratos para ofrecer estes servizos con calidade. De feito, o Goberno local é coñecedor desas supostas irregularidades nese contrato, segundo trasladou o comité de empresa ao grupo municipal do BNG, polo que trasladará unha pregunta ao Pleno para saber que medidas ten previsto adoptar para o control e inspección deste servizo.