ENSINO

Goretti Sanmartín urxe a construción da nova Escola Oficial de Idiomas, a ampliación do Conservatorio de Música e un centro da UNED para mellorar a oferta educativa en Compostela

conservatorio
Conservatorio Profesional de Música

En catro anos o alcalde, que agora fala de fusións, non quixo liderar para que Santiago fose referente e capital dunha comarca que ofrece servizos á contorna

Goretti Sanmartín urxe a construción da nova Escola Oficial de Idiomas, a ampliación do Conservatorio de Música e un centro da UNED para mellorar a oferta educativa en Compostela

Santiago de Compostela, 9 de abril de 2019.- Logo de catro anos sen falar de fusión dos concellos e sen recuperar peso político para a xestión de servizos mancomunados, Goretti Sanmartín, candidata do BNG á Alcaldía de Santiago, demanda “maior capacidade de diálogo con outras administracións para ampliar as instalacións  educativas” como a Escola Oficial de Idiomas, o Conservatorio Profesional de Música e para dotar dun centro da UNED Santiago de Compostela, como cabeceira de comarca.

Segundo explicou Goretti Sanmartín en rolda de prensa, o fío do debate preelectoral sobre a fusión de concellos pretende desviar a atención de problemas reais “porque o alcalde non quixo liderar que Santiago fose referente como capital dunha comarca que ofrece servizos á contorna”, explicou.

No ámbito do ensino, estes catro anos foron “unha perda de tempo para ampliar o Conservatorio Profesional de Música” que neste momento duplica con 520 o número de persoas matriculadas nunhas instalacións creadas para atender 250, “o que resulta insostíbel” e hai demanda para atender novas especialidades de música tradicional, como gaita e acordeón, “que non se poden impartir por esa falta de capacidade”. “Reclamamos que se urxa á Xunta de Galiza a esa ampliación do Conservatorio, na parcela municipal anexa que foi cedida e que está preparada, ademais de que o BNG xa o reclamou innumerábeis veces, a última coa reclamación dunha partida de medio millón de euros nunha emenda aos Orzamentos da Xunta para 2019, “que non se tivo en conta por parte da Xunta e que o Concello tiña que implicarse moito máis”.

“É un clamor na cidade que se constrúa unha nova Escola Oficial de Idiomas, nestes momentos teñen que desprazarse 700 persoas ás instalacións de Sar, dun alumnado que son 3.900 oficiais e 1.100 de matrícula libre”, sinalou. “Santiago non é unha cidade calquera de menos de 100.000 habitantes”, é unha cidade universitaria con alumnado que precisa sacar o B-1 obrigatorio para obter o título de grao, con alta afluencia de turismo estranxeiro e cabeceira de comarca.

Na Escola Oficial de Idiomas só se poden impartir sete linguas, “cando hai demanda de chinés, de xaponés, de ruso, de árabe que non se poden ofrecer pola falta de espazo” e as condicións que incumpren un decreto de 19 de xullo de 2018 da propia Consellaría, que marca as características das instalacións para estas ensinanzas. “Incumpren por non ter sala multimedia, sala de usos múltiples, pola falta de illamento acústico das aulas e pola ruptura de non estar nun único edificio habilitado”, explicou. Desde o ano 2012, o Concello puxo a disposición da Xunta unha parcela de 6.200 m2 no barrio de Santa Marta para construír a nova Escola Oficial de Idiomas, lembrou.

Ademais, explicou que o BNG leva moito tempo a reclamar que haxa un centro da UNED en Santiago de Compostela. En concreto, mediante iniciativas no Congreso, da man da deputada Rosana Pérez, e no Pleno do Concello en outubro de 2015. “Seguimos cunha carencia importante para persoas que non poidan facer ensino presencial, tal como están na actualidade os planos de estudos universitarios, posto que hai demanda para estas aulas que existen noutros puntos de Galiza e das que carece Santiago”, concluíu Goretti Sanmartín.

Goretti Sanmartín urxe a construción da nova Escola Oficial de Idiomas, a ampliación do Conservatorio de Música e un centro da UNED para mellorar a oferta educativa en Compostela