ENSINO
Goretti Sanmartín: “Os problemas do inicio do curso escolar son por falta de previsión da Xunta ao facer as obras”
As incidencias rexistradas nos centros de ensino de Santiago obrigan a continuar as obras pendentes fóra do horario escolar
Santiago de Compostela, 11 de setembro de 2019.- A portavoz municipal do BNG, Goretti Sanmartín, expresou a súa preocupación no inicio de curso pola falta de previsión da Xunta coas obras en centros escolares públicos, que non permiten o uso do patio tanto no CEIP Raíña Fabiola como en Roxos, así como polos problemas de mobilidade pendentes de resolver en Lamas de Abade e das necesidades do CEIP das Fontiñas e en diversos centros de ensino de Santiago de Compostela.
Segundo as queixas recibidas no BNG por parte de nais e pais do Raíña Fabiola, tanto o patio como o comedor teñen aínda material de obra e non poden ser utilizados polo alumnado. De feito, segundo trasladaron, nais e pais chegaron a un acordo co persoal técnico da Xunta para que interrompesen as obras mentres os nenos e nenas están no centro, que serán retomadas fóra do horario escolar e en fin de semana. A intervención incluía o illamento térmico da fachada e de dúas estancias para mellorar a eficiencia enerxética, ademais do cambio de xanelas, de iluminación e de arranxos na cuberta. En total, son 250 alumnos e alumnas afectados neste colexio por esta falta de previsión da Xunta.
No centro escolar de Roxos, as obras comezaron a mediados de xullo para construír dúas novas aulas no espazo do patio cuberto, polo que agora comezan o curso sen patio cuberto, un espazo fundamental para o lecer e para a práctica de actividades educativas, sobre todo no inverno.
Ademais, hai outros centros con problemas de mobilidade como os de Lamas de Abade ou o das Fontiñas, motivado pola falta de pasarela peonil, outros teñen falta de espazo como o Ramón Cabanillas ou o Quiroga Palacios. Neste último, as obras mesmo impedirán o desenvolvemento de actividades extraescolares e de conciliación familiar durante o primeiro mes de curso.