CONSORCIO
Os investimentos futuros que precisa Santiago dependen dun acordo político e non da Casa Real
O BNG empraza o alcalde a impulsar unha comisión interadministrativa -con Xunta, Concello e Estado- que inclúa tamén o tecido asociativo, comercial, empresarial e cultural para trazar a folla de ruta do Xacobeo 2021
Santiago de Compostela, 7 de marzo de 2017.- O portavoz do grupo municipal do BNG, Rubén Cela, advertiu que non se poden fiar os investimentos futuros de Santiago de Compostela a unha reunión co Rei Filipe VI, cando o Consorcio son tres institucións: Estado, Xunta e Concello de Santiago. “Os investimentos futuros que precisa Santiago dependen dun acordo político e non da Casa Real”, sinalou Rubén Cela.
Así, emprazou o alcalde a impulsar unha comisión interadministrativa -con Xunta, Concello e Estado- que inclúa tamén o tecido asociativo, comercial, empresarial e cultural para manter unha posición de cidade e definir unha folla de ruta para consensuar entre todos os axentes sociais as prioridades para a reactivación económica e de recuperación do patrimonio cultural de cara a buscar financiamento para o Xacobeo 2021.
“O financiamento do Consorcio non vai estar condicionado por convocar, ou non, o Real Patronato, pois é un acordo político entre institucións que non vai depender da vontade do monarca”, subliñou.
A xuízo do BNG, o Goberno municipal vai con moito atraso, pois as actuacións importantes xa deberan estar iniciadas para poder estar en funcionamento nesa data.