PLENO
Moción para asesorar a veciñanza afectada polo temporal
Requirirá da Xunta que as empresas garantan a conservación da infraestrutura eléctrica
Santiago de Compostela, 8 de febreiro de 2017.- O portavoz do grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego en Raxoi, Rubén Cela, presentou unha moción que defenderá no Pleno de febreiro relativa a paliar os danos causados polos recentes temporais e esixirlles responsabilidades ás compañías eléctricas subministradoras.
Estes temporais causaron importantes desperfectos en propiedades privadas, no sector primario, na actividade industrial e de servizos e en infraestruturas e equipamentos públicos. En Santiago de Compostela, as parroquias máis afectadas foron Figueiras, Aríns, Marrozos, Conxo, A Barciela, Cesar e Laraño.
Deste xeito, requirirá que o Concello de Santiago preste apoio e asesoramento á veciñanza afectada a través dos servizos municipais, a fin de axudar na presentación de reclamacións ou solicitudes de axudas, así como efectuar o seguimento na súa tramitación, para compensar os danos e perdas sufridos con ocasión do temporal. Reclamará tamén avanzar no acordo adoptado no Pleno de xaneiro de 2017 para recadar das empresas eléctricas o importe das taxas correspondentes pola utilización de solo de dominio público para o tendido de baixa, media ou alta tensión instalado.
Ademais, instará ao Goberno galego a esixir responsabilidades e estabelecer medidas sancionadoras ás empresas titulares das infraestruturas polo mal estado das mesmas e ás prestadoras de servizos de subministro eléctrico polo tardío e deficiente operativo de resposta para minimizar os efectos dos cortes do servizo.
A maiores, demandará que a Xunta obrigue as empresas subministradoras de enerxía a pagar unha auditoría da situación das liñas eléctricas en Galiza e a presentar un plan para subsanar as deficiencias urxentes e unha programación para acometer os investimentos precisos de forma continuada que garantan unha axeitada conservación da infraestrutura eléctrica.
Para o BNG, non é aceptábel que Galiza, sendo produtora e excedentaria de enerxía eléctrica, con numerosos encoros, minicentrais, centrais térmicas ou parques eólicos instalados ao longo do seu territorio que xeran enerxía, tendo que asumir os custes ambientais de dita actividade, estea obrigada ademais a soportar unha pésima calidade no subministro eléctrico.