CONCESIONARIAS
Compostela Aberta trata “á lixeira” a sentenza da ORA e do guindastre
Débese desligar a execución desa sentenza co proceso de remunicipalización
Santiago de Compostela, 8 de febreiro de 2017.- O portavoz do grupo municipal do BNG, Rubén Cela, respondeu ás declaracións do alcalde sobre o novo auto xudicial da ORA e do guindastre que, ao seu ver, “se está tratando á lixeira un tema de moita transcendencia e alá cadaquén coas súas propias responsabilidades”.
“A nosa responsabilidade como grupo da oposición é fiscalizar a acción de Goberno e, polo tanto, dicir as cousas que se están facendo mal”, afirmou, “e por outra parte propor e apoiar o que se fai ben e, polo tanto, apoiaremos se se fai ben un proceso de asunción directa de municipalización do servizo da ORA e do guindastre, pero denunciaremos que non se está facendo ben a execución desta sentenza”.
Cuestionou o informe xurídico do Concello en que se sustenta o Goberno municipal para seguir mantendo este servizo con Setex Aparki incluso despois de 4 prórrogas e mesmo despois do remate dese contrato. “Entendemos que o guindastre é un servizo esencial, que non se pode paralizar, pero non compartimos que a ORA estea na mesma situación”, dixo. Así, puxo como exemplo a interpretación do Goberno de Lugo cunha sentenza xudicial firme semellante pola que anulou ese servizo mentres non se procedeu a unha nova licitación.
Sinalou tamén que se debe desligar a execución desa sentenza co proceso de remunicipalización, “porque non teñen nada que ver pese a que o Goberno municipal as meteu no mesmo saco”.
“As remunicipalizacións non son rápidas nin doadas”, indicou Rubén Cela, “hai un ano de precedentes sen que se avanzase na municipalización e dende unha perspectiva xurídica, económica e laboral non é bo facelo ás presas”.
Destacou tamén “a indefinición xurídica” en que incorre o Goberno municipal, porque “hai un servizo que se presta cun contrato rematado, non prorrogado e cun informe xurídico cuestionábel que o ampara, o que supón unha situación que non se debería manter no tempo”. Lembrou tamén que dende o 31 de xaneiro de 2017, cando rematou a prórroga, expirou tamén o período máximo de 5 anos dese contrato.