LINGUA

O BNG propón que o Concello difunda a obra de Rosalía de Castro para conmemorar o 180 aniversario do seu nacemento

Rosalía de Castro
Rosalía-de-Castro

Avoga por dar a coñecer o seu compromiso coa lingua, coas mulleres e co país na convocatoria da AELG

O BNG propón que o Concello difunda a obra de Rosalía de Castro para conmemorar o 180 aniversario do seu nacemento

Santiago de Compostela, 7 de febreiro de 2017.- A concelleira Goretti Sanmartín defenderá no Pleno unha moción para promover o coñecemento da obra e do compromiso coa lingua, coas mulleres e co país de Rosalía de Castro, de acordo coa convocatoria da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega.

O 24 de febreiro de 2017 cúmprense 180 anos do nacemento de Rosalía de Castro, unha boa data para difundir unha obra e un pensamento con forte vixencia na actualidade. Constitúe unha posibilidade de aproveitar este momento para exhibir o orgullo de quen somos, o recoñecemento da nosa lingua como expresión xenuína do pobo galego e a valentía de describir as discriminación das mulleres e apostar por unha sociedade libre e igualitaria. Trátase dunha escritora moi vinculada a Santiago de Compostela, radical, culta, feminista e comprometida co noso país, coas súas clases populares e cos sinais de identidade da Galiza, entre os que se conta o idioma galego, hoxe especialmente ameazado.

Rosalía de Castro é a escritora máis representativa e universal da lingua e da literatura galegas. Ela iniciou o proceso de recuperación de usos do galego co obxectivo de lle devolver a dignidade de que fora desposuído. A publicación do seu libro “Cantares Gallegos”, o primeiro escrito integramente no noso idioma, sinala o comezo da restauración do uso escrito do noso idioma e o final de séculos de silencio e esquecemento. A recuperación literaria e lingüística da Galiza ten unha enorme débeda cunha obra que desafía a sociedade do seu tempo a través dun discurso de defensa da terra, da súa xente -en especial, das mulleres- e dunha lingua que merece continuar a ser transmitida de xeración en xeración e ser utilizada en todos os ámbitos.

O BNG propón que o Concello difunda a obra de Rosalía de Castro para conmemorar o 180 aniversario do seu nacemento