PLENO

Unha moción para facilitar a admisión no Programa Galego de Protección Social e da Saúde

Segundo os colectivos, en Santiago residen de xeito regular 3.624 persoas estranxeiras con dificultade para a asistencia sanitaria

Unha moción para facilitar a admisión no Programa Galego de Protección Social e da Saúde

Santiago de Compostela, 13 de setembro de 2016.- O grupo municipal do BNG defenderá no Pleno unha moción para facilitar a admisión de persoas no “Programa Galego de Protección Social e da Saúde Pública”, así como o acompañamento efectivo por parte dos servizos sociais nos casos requiridos os procesos que integran a adecuada atención sanitaria por parte do Servizo Galego de Saúde e tamén a correcta instrución e clarificación dos procedementos e a lexislación vixente ao persoal social e administrativo.

Médicos do Mundo, Amnistía Internacional, Asociación Galega de Medicina de Familia e Comunitaria, Foro Galego de Inmigración e S.O.S. Sanidade de Pública, como integrantes da Rede Galega de Defensa do Dereito á Saúde, consideran que só un sistema de saúde universal e gratuíto pode ser xusto. Só así poderemos garantir a calidade e equidade dun servizo esencial. Neste sentido, reivindican o mantemento dun Sistema de Saúde con acceso para todas as persoas, sen que a propia asistencia dependa de determinantes socio-económicos.

Segundo expoñen estes colectivos, no Padrón municipal de Santiago de Compostela, residen de xeito regular 3.624 persoas estranxeiras, ademais de que teñen constancia da existencia de vulneracións flagrantes do dereito á saúde de persoas que o teñen legalmente recoñecido.

No que respecta ao dereito á saúde, tanto o Estado español como Galiza sufriron un importante deterioro en tempos recentes debido á modificación de diversas leis que deixa milleiros de persoas sen asistencia sanitaria. Estas medidas lexislativas, aprobadas a través dun trámite lexislativo de urxencia que furta un debate en profundidade e que se apoia na hexemonía da maioría parlamentaria, vulnera o dereito á saúde das persoas que quedaron excluídas do sistema e, por tanto, vulnera tamén os seus dereitos humanos e a súa dignidade.

Deste xeito, reclamará que calquera persoa en risco debera ter cobertura sanitaria directa: menores de 18 anos, mulleres embarazadas, persoas con dereito á inclusión no Programa Galego de Protección Social e da Saúde Pública, persoas con enfermidades de declaración obrigatoria con dereito a ser incluídas no Programa de Vixilancia Epidemiolóxica da OMS, persoas en situación regular, entre outras casuísticas.

 

Unha moción para facilitar a admisión no Programa Galego de Protección Social e da Saúde