URBANISMO
O BNG lémbralle a Noriega que moitos vehículos seguen a romper as rodas nos bordos das beirarrúas
Reclamara hai un ano que se eliminasen as arestas afiadas das novas zonas urbanizadas
Santiago de Compostela, 25 de xaneiro de 2017.- O grupo municipal do BNG, cando se vai facer un ano de requirirlle ao alcalde que buscase unha solución para suprimir os bordos con arestas das beirarrúas nas novas zonas urbanizadas na cidade, reitera a falta de compromiso do Goberno local para cumprir a normativa UNE e a Lei de Accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónicas de Galiza.
En concreto, as zonas onde se detectou este problema como Santa Marta, Salgueiriños, As Cancelas e Santas Mariñas, entre outras, son rúas e novas urbanizacións que non atenden a lexislación en vigor e que seguen a provocar graves prexuízos para a veciñanza, posto que seguen a sufrir danos nas rodas de vehículos ao aparcar.
Lembra o BNG que a UNE-EN 1340:2004 estabelece que os bordos das beirarrúas “deben rematar en chafrán en declive por razóns de seguridade viaria” e a Lei de Accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónicas de Galiza especifica que “os seus cantos han de ser redondeados ou en chafrán”, ademais de dar conta da súa altura máxima, que tampouco se cumpre nalgúns casos.