Na contratación dos comedores escolares prímase a oferta económica sobre a calidade do servizo
O BNG critica que o Goberno de Compostela Aberta non publicase esta oferta no Perfil do Contratante do Portal da Transparencia
Santiago de Compostela, 29 de xaneiro de 2016.- O portavoz do grupo municipal do BNG, Rubén Cela, explicou en rolda de prensa que primar o criterio económico no prego de contratación dos comedores escolares pode ir en detrimento da calidade do servizo. Na práctica vai ir a un sistema de subhasta; vai gañar a empresa que faga unha oferta económica máis vantaxosa, mentres a calidade do servizo e o coidado dos nenos e das nenas non se van valorar, afirmou.
Así, explicou que despois de ter acceso á documentación do procedemento de licitación dos comedores escolares dende o BNG queremos que esta situación se poida resolver o antes posíbel para que se normalice e se preste ese servizo con todas as garantías e co soporte contractual e legal que debera ter, para que o Goberno municipal se poña a traballar conxuntamente co sector, coas ANPAs e cos grupos da oposición no que debe ser o modelo de xestión dos comedores para o futuro.
O BNG sempre defendeu que o Goberno municipal non ten que desbotar, como primeira opción, negociar coa Xunta de Galiza para que asuma a xestión directa dos comedores porque son unha competencia propia do Goberno galego e non é municipal. A seguinte opción é asumir unha xestión directa dos comedores escolares, sen a súa externalización e privatización deste servizo, indicou.
Para Rubén Cela, se hai que repetir unha licitación pública, porque se externaliza este servizo para os cursos seguintes, cómpre revisar a fondo os pregos técnicos como a contía económica de licitación.
Manifestou así certa preocupación neste último negociado sen publicidade que se tramita por urxencia por que o único criterio de valoración que vai ter a mesa de contratación á hora de seleccionar a empresa que desenvolverá este traballo de agora a final de curso vai ser económico.
Cuestionou tamén o feito de que o Goberno de Compostela Aberta non publicase no Perfil do Contratante esta oferta que, pese a non ser un requirimento legal, contribúe a incrementar a transparencia na contratación e a unha maior concorrencia por parte das empresas que desexen presentarse, ao tempo que se está a incumprir un acordo plenario aprobado por unanimidade a raíz dunha iniciativa do BNG que o demandaba.