O BNG traslada as queixas da veciñanza pola dificultade de acceso ao Centro Sociocultural da Almáciga
Require que se revisen as entradas pola dificultade que presenta tanto para as persoas con mobilidade reducida como para vehículos de emerxencias
Santiago de Compostela, 1 de febreiro de 2016.- O grupo municipal do BNG trasladoulle ao alcalde as queixas recibidas pola dificultade de acceso ao Centro Sociocultural da Almáciga a partir da construción anexa do Centro Xove de Creación Cultural, que ocupou a zona de entrada en rampla que existía con anterioridade no frontal do edificio.
Segundo explicaron diversas persoas usuarias deste espazo municipal xunto coa propia veciñanza da Almáciga, coa nova construción quedou inhabilitada unha das entradas do centro sociocultural. A alternativa agora é unha porta que dá ao parque, pero quedou sen paso para vehículos de emerxencia como ambulancias, xa que só hai un pequeno camiño para chegar ao inmóbel.
Deste xeito, o BNG require que o Goberno local revise os accesos ao Centro Sociocultural da Almáciga ante as dificultades que presenta tanto para as persoas con mobilidade reducida como para vehículos de emerxencias neste espazo público municipal.