PLENO

Navia Rivas defenderá unha moción para que a Xunta realice, de urxencia, as melloras que reclama o persoal da UCI

Navia Rivas
Navia Rivas
Demanda a dotación de máis equipos de protección individual, duchas-vestiario próximas á unidade e controis de PCR periódicos
Navia Rivas defenderá unha moción para que a Xunta realice, de urxencia, as melloras que reclama o persoal da UCI

Santiago de Compostela, 15 de decembro de 2020.- A concelleira Navia Rivas defenderá no Pleno unha moción para que o Concello de Santiago de Compostela se solidarice coas demandas do persoal da UCI do CHUS en folga e reclamarlle á Xunta que realice, de urxencia, as melloras necesarias para favorecer as condicións de saúde laboral destes/as profesionais que están en primeira liña na atención sanitaria da pandemia da covid-19.

A Unidade de Coidados Intensivos de adultos do Hospital Clínico de Santiago (UCI-A) é a unidade de referencia para as persoas enfermas de covid-19 para a que os/as profesionais deben contar cunha formación específica en unidades de críticos. “Mais é unha sala aberta que dispón tan só de dous cubículos, de aí que os/as profesionais están expostos/as ao risco de contaxio do coronavirus e, no caso de contaxio, a Xerencia atópase cun problema serio ao non existir profesionais dispoñíbeis na listaxe de contratación que, ademais, non contan coa formación específica en coidados críticos”, explicou.

A Xerencia incumpriu o acordado cos/as profesionais antes do verán, de facer unha UCI-A con cubículos para que os/as traballadores/as non estivesen xornadas de 7 a 10 horas cos equipos de protección individual (EPI) sen poder descansar. A desculpa da Xerencia é que non atoparon empresa para realizar esta obra en 3 meses, mais a realidade é que non existía nin proxecto, nin partida orzamentaria nin acordo do Consello da Xunta para realizar estas obras, como aconteceu tamén coa obra do servizo de Urxencias.

Ante a falta dunha UCI-A con cubículos, a Xerencia desbotou o plan de prevención fronte o coronavirus dos/as traballadores/as desta área sanitaria e o do Ministerio de Sanidade, nin tampouco estimou traballar nunha unidade que teña cubículos pechados para atender en mellores condicións de traballo pacientes covid-19.   

A Xerencia obviou tamén o plan de prevención de riscos centrados no posto de traballo, que debe garantir as condición de traballo e medidas de seguridade, tanto para o/a profesional como para o/a enfermo/a. 

Outra carencia que ten o persoal é a formación en riscos laborais (teórica e práctica) para o persoal contratado que chega á unidade e de adestramento para o resto do persoal. Así como a formación en novas técnicas e aparellos da unidade.

Por outro lado, o persoal advirte da falta de EPI, uniformidade suficiente, duchas próximas e suficientes perto da unidade para non ter que percorrer todo o hospital co uniforme usado. Así, o persoal que se ve sometido a traballar nesta precariedade reclama mellorar as condicións no traballo, que é a única solución para permitir contar con prestacións sanitarias de calidade.

Ante estes feitos, o persoal mantén unha folga para reclamar estas medidas estruturais, medidas organizativas e preventivas, a aplicación do plan de prevención de riscos, dotación de EPI e duchas-vestiario próximas á unidade, formación de profesionais e controis de PCR periódicos necesarios para a conciliación da vida familiar e laboral.

 

Navia Rivas defenderá unha moción para que a Xunta realice, de urxencia, as melloras que reclama o persoal da UCI