PLENO
Navia Rivas presenta unha moción de Vía Galega para impulsar políticas de creación de emprego digno e de retorno de emigrantes
Santiago de Compostela, 13 de novembro de 2019.- A concelleira do BNG Navia Rivas presentou unha moción que se debaterá no Pleno de novembro para impulsar políticas que aseguren o dereito a un traballo digno e favorezan o retorno das persoas emigradas, de acordo coa iniciativa da Plataforma Vía Galega que está integrada por máis de 60 colectivos sociais e culturais.
“Podiamos pensar que a emigración é un tema do pasado que estudamos nos libros de Historia e de Literatura, cando realmente o drama continúa vixente nuns termos semellantes aos que falaba, sen ir máis lonxe, Rosalía de Castro”, explicou Navia Rivas en rolda de prensa.
“Todas coñecemos amizades e familiares que traballan fóra e o problema da emigración, polas idades que afecta, fan que o vexamos como un problema social e nacional na medida en que se produce un desarraigamento nas persoas que marchan, con familias rotas, e tamén contribúe ao despoboamento e á desertización económica e de horizonte de futuro como país”, destacou.
Segundo datos do Instituto Galego de Estatística, nos últimos 10 anos emigraron de Galiza 216.413 persoas entre os 16 e 54 anos, idades nas que se concentran a maior parte de demandantes de emprego. Nese período, 79.529 mozos e mozas entre os 16 e os 29 anos abandonaron o noso país.
En concreto, en Santiago de Compostela na última década tiveron que emigrar a outras comunidades e ao estranxeiro 14.083 persoas, das que 4.685 tiñan entre os 16 e os 29 anos, explicou. “É unha xeración que foi criada, formada e que estudou aquí pero que marcha cos seus coñecementos e capacidade de traballo a enriquecer outros países, ao tempo que deixan ese baleiro e non reverten no país”, engadiu.
A poboación activa de Galiza -persoas entre 16 e 65 anos que traballan ou buscan emprego- representa menos da metade da poboación total e o peso relativo de Galiza no Estado pasou de 10% en 1900 ao 5% en 2018; “unha cifra moi baixa que revela un problema demográfico que lle afecta á propia viabilidade de Galiza como entidade, cunha sangría de poboación que lastra a capacidade de prosperar economicamente”.
Entre as causas, sinalou a condición periférica e subordinada da economía galega, a destrución de parte importante da base produtiva, a precariedade no emprego que fai que moitas persoas busquen outra maneira de construír un futuro e a ausencia de políticas de igualdade e fomento da conciliación para favorecer que as persoas que queiran traballar e ter unha familia ao mesmo tempo poidan facelo.
A solución: políticas para crear emprego digno
“A solución pasa por promover que teñamos empregos dignos no país e tamén por favorecer o retorno das persoas que xa emigraron nos últimos anos”, indicou.
Entre as medidas que recolle a moción está que o Concello de Santiago se dirixa ao Parlamento de Galiza “para que tome en consideración a emigración como un drama social e nacional, conciba este problema como unha emerxencia nacional e outorgue prioridade ás políticas que ataquen as súas causas”, instando á Xunta de Galiza a impulsar políticas que aseguren o dereito a un traballo digno na terra e creen as condicións para favorecer o retorno das nosas persoas emigradas.
Outro punto vai destinado a instar o Parlamento de Galiza a constituír unha ponencia sobre a emigración galega co obxecto de que, no prazo máximo de cinco meses, estude e propoña as medidas e políticas necesarias para rematar con este drama que golpea o pobo galego. Para iso, propóñense como eixos destas políticas a defensa da base produtiva do país e dunha economía autocentrada, que mobilice os enormes recursos do país para xerar emprego e riqueza en Galiza; a creación de emprego digno e de calidade; o desenvolvemento de políticas sociais que aseguren a igualdade e favorezan a conciliación da vida laboral e familiar e tamén o compromiso desde o Goberno municipal con políticas que promovan e lle dean forza aos sectores estratéxicos e ao tecido industrial de Galiza, nomeadamente o agrogandeiro, forestal, enerxético, biotecnoloxía e da madeira, o comercio de proximidade e das TIC.