ENSINO
Goretti Sanmartín advirte de que centos de familias aínda non saben se dispoñen de bolsas de comedor
Santiago de Compostela, 12 de novembro de 2019.- A portavoz municipal do BNG, Goretti Sanmartín, recibiu queixas de nais e pais que non teñen a confirmación das bolsas de comedores e de actividades extraescolares dous meses despois do inicio do curso, polo que lle reclama ao alcalde que axilice os trámites da convocatoria.
Para o BNG, é necesario que o Goberno local de Sánchez Bugallo “tome en serio a materia educativa, pois son centos de familias as que están pendentes de saber se lles corresponden as bolsas de comedores e de actividades extraescolares, o que dificulta a organización de labores de conciliación”.
“O Concello ten que facilitar os labores de conciliación laboral e familiar coa publicación da concesión destas axudas para as familias con dificultades económicas, porque dous meses despois de iniciado o curso escolar xa non serve escudarse en problemas administrativos para xustificar esta demora”, esgrimiu a portavoz municipal do BNG.
Insistiu tamén na inclusión das demandas das ANPAs na elaboración dos pregos para o próximo concurso de comedores escolares, “co fin de mudar dunha vez o modelo para apostar por subministrar alimentación cun servizo de mellor calidade”.