PLENO
Navia Rivas reclama que se axilicen as actuacións pendentes das obras dos Concheiros
O BNG solicita coñecer o gasto total da remodelación deste barrio, que aínda ten tarefas inacabadas
Santiago de Compostela, 28 de novembro de 2022.- A concelleira do BNG Navia Rivas presentará unha iniciativa no Pleno, máis unha vez, para coñecer cal foi o gasto total das obras dos Concheiros realizadas entre 2020 e 2022 e para instar a completar as actuacións pendentes que reclama a asociación veciñal A Xuntanza.
“Como xa trasladou o BNG aos plenos de xuño e de outubro, o grupo de Goberno ten pendente realizar un exercicio de transparencia e responder á pregunta do orzamento total destinado ás obras dos Concheiros”, indicou a concelleira.
Esta actuación tivo un sobrecusto debido ás irregularidades e incumprimentos da empresa adxudicataria que mesmo provocaron que se acometese unha recepción parcial cando nin sequera se rematara a intervención e estaba pendente de aplicar sancións por penalidades por non cumprir os prazos en diversas ocasións.
En aras da transparencia, é necesario que se faga público o orzamento total destinado a estas obras, incluído o custo das actuación da propia brigada municipal encargada de rematar unha obra aínda hoxe inacabada, tal e como tamén demanda a asociación veciñal A Xuntanza.
Esta asociación tamén fixo pública unha relación de eivas derivadas das obras como a falta de macetas para protexer a quen camiña; o banco que ía coa fonte do cruceiro arrimado á parede; unha billa para a fonte; a caixa eléctrica con tomas seguras para actos na rúa que ía nese banco; o pasamáns para subir desde Fraguas á praza da Cruz; a marquesiña do bus da zona do cruceiro, coa bancada nova que ía substituír a anterior; o acondicionamento do aparcamento de Triacastela; o reforzo do alumeado nalgunhas zonas da rúa; a instalación de máis papeleiras; a recolocación dos bancos que miran cara aos coches e medidas de seguranza viaria no cruce dos Concheiros con Rodríguez de Viguri.
A asociación veciñal A Xuntanza demanda, ademais, a mellora de servizos básicos en Quiroga Palacios no relativo á recollida de residuos, mellora da pavimentación e da vexetación que están moi descoidadas. Tamén é necesario corrixir os problemas de mobilidade e de accesibilidade, tanto nas obras precisas para favorecer a instalación de ascensores nas vivendas como nas zonas públicas, xa que se trata dunha zona de forte pendente e con frecuencia de autobuses reducida.
“Por estes motivos, desde o BNG trasladaremos unha iniciativa ao Pleno con estas actuacións que quedaron pendentes na remodelación dos Concheiros para que o Goberno local as execute canto antes”, explicou Navia Rivas.