PLENO
O BNG propón habilitar aseos no perímetro exterior do estadio multiusos Verónica Boquete, en San Lázaro
Trátase dun lugar moi frecuentado por persoas maiores ou con doenzas ás que lles recomendan camiñar a diario
Santiago de Compostela, 27 de novembro de 2022.- O BNG presenta un rogo para habilitar aseos públicos coa correspondente limpeza e mantemento no perímetro exterior do estadio multiusos Verónica Boquete, en San Lázaro.
Cada vez máis grupos de persoas utilizan o exterior do estadio Verónica Boquete, en San Lázaro, para pasear ou facer deporte especialmente cando chove, pois Santiago de Compostela carece de suficientes espazos adecuados para estas funcións.
Trátase dun lugar moi frecuentado pola posibilidade de aparcar e pola facilidade do percorrido, especialmente para persoas con maiores ou con doenzas ás que lles recomendan camiñar a diario.
Así, ante esta afluencia de persoas neste espazo público faise necesario habilitar, cando menos, aseos portátiles no exterior para que poidan utilizalos cando o precisaren e manter en bo estado de limpeza esta zona e a vexetación dos arredores. Ademais, cómpre adaptar os aseos interiores do estadio ás normas de accesibilidade.