PLENO
O BNG demanda a remodelación urxente da pasarela da intermodal para evitar que chova no seu interior
A acumulación desa auga embalsada e humidade constantes vai provocar un desgaste dos materiais interiores por non intervir a tempo
Santiago de Compostela, 27 de novembro de 2022.- O BNG demándalle ao alcalde que axilice o arranxo, de xeito definitivo, da pasarela da estación intermodal para evitar as filtracións de auga ao seu interior cada vez que chove e require saber, ademais, canto lle vai custar esta remodelación ás arcas municipais.
O grupo municipal do BNG reclamou en diversas ocasións a necesidade de adoptar unha solución para corrixir o problema de filtracións de auga na pasarela da estación intermodal cada vez que chove, debido a que o proxecto non se axusta ao clima nin á meteoroloxía de Santiago de Compostela.
A última vez que realizou unha pregunta sobre as xestións realizadas foi en setembro de 2022, mais chegaron os primeiros chuvascos do outono e a situación empeora, mesmo ao provocar que queden os elevadores mecánicos inutilizados, ademais das balsas de auga que se forman.
Son milleiros de persoas as que utilizan a diario estas instalacións e o Concello de Santiago debería axilizar as xestións para darlle unha solución e evitar que chova dentro desta estación, pois a acumulación desa auga embalsada e humidade constante aínda vai provocar un desgaste dos materiais interiores.