PLENO
O BNG volve reclamar no Pleno un plan de actividades extraescolares e de conciliación como unha medida anticrise nas economías domésticas
Pretende garantir o acceso universal e adaptar o seu custo á situación socioeconómica das familias
Santiago de Compostela, 26 de novembro de 2022.- O BNG trasladará ao Pleno unha proposición para desenvolver un programa integral de actividades municipais extraescolares e de conciliación consensuado coa Federación de asociacións de nais e pais de Compostela (FANPA) como medida para facerlle fronte á crise derivada da alza de prezos que repercute, de xeito especial, nas economías domésticas.
As familias compostelás levan anos a reclamar que sexa o Concello quen organice e xestione as actividades extraescolares, non só para favorecer a conciliación familiar nas tardes dos días lectivos, senón por ser tamén unha oportunidade para achegar as crianzas a través do ocio a contidos musicais, culturais e deportivos que contribúan á súa formación integral dun xeito lúdico.
Para alén das cuestión puramente formativas, estes espazos teñen un interese acrecentado por permitir traballar de xeito específico con valores transversais, desde o respecto polo patrimonio e polo medio á necesaria coeducación e loita pola igualdade xunto coa promoción do uso da lingua galega.
As actividades extraescolares nos centros educativos de Santiago dependen da boa vontade das ANPA, da súas posibilidades para planificalas e xestionalas, sendo dispares entre centros tanto en tipoloxía da oferta, calidade e prezos.
Tras a pandemia, a vida nos centros escolares normalizouse, así como tamén a actividade laboral e social; as familias con cativos/as precisan deste tipo de actividades, en que se garanta a súa calidade, continuidade e ao tempo teñan un custo accesíbel á súa situación socioeconómica.
Este plan pode supor contar cunha programación de calidade para todas as crianzas, ofrecer actividades valiosas desde o punto de vista socioeducativo e do lecer, que non só desenvolvan a creatividade, a actividade física, que os acheguen á nosa cultura e á nosa música, senón que sirvan tamén para desenvolver actitudes e comportamentos igualitarios, inclusivos e respectuosos co medio e o patrimonio e potenciar a creatividade persoal.
Ademais, con esta iniciativa, o BNG pretende garantir o acceso de todas as persoas menores a este tipo de actividades ao adaptar o custo para as familias á súa situación socioeconómica ofertando prezos diferentes en función da renda familiar. A política de bolsas para actividades extraescolares que existe neste momento non é funcional. Non considera situacións intermedias, non se resolve a tempo, o que leva a que nenos/as ou non inicien as actividades en setembro ou as familias que están en lista de agarda como este curso teñan que costealas os primeiros meses.
É preciso, pois, redactar o proxecto dun programa ou plan municipal de actividades extraescolares promovido pola Concellaría de Educación, como tamén, é preciso ter un programa municipal de conciliación para cando remata o período lectivo. O programa municipal de conciliación debe propoñerse como un paquete (Entroido, Semana Santa, verán e Nadal) con maior número de actividades e tamén máis descentralizado. Desde esa perspectiva xulgamos imprescindíbel a súa extensión a máis centros educativos que os actuais, tal e como vén demandado a Federación de ANPAS desde hai anos.
O grupo municipal do BNG xa trasladou esta iniciativa ao Pleno que, en novembro de 2016, foi aprobada por unanimidade. No entanto, o BNG de Santiago mais, sobre todo, as nais e os pais das crianzas ven como curso tras curso a organización das actividades de conciliación empeorou e o plan municipal de actividades extraescolares non chegou a ver a luz.