PLENO
No vertedoiro de Grixoa deposítanse residuos sen tratar que poden incumprir a normativa
Presentará iniciativas no Concello, Parlamento galego e Parlamento europeo
Santiago de Compostela, 2 de xuño de 2017.- O BNG reclamará no Pleno unha investigación para comprobar se o vertedoiro de Grixoa e os tecnolosolos cumpren a normativa ambiental e as autorizacións que dispoñen, ademais de requirir que o Concello realice xestións para evitar que se depositen en Santiago de Compostela residuos doutras comarcas galegas e doutros territorios do Estado, co obxectivo de manter o principio legal e ambiental para o tratamento do lixo no punto máis próximo a onde se xenera. Demandará, tamén, adoptar un novo plan de xestión de residuos baseado na prevención, na recollida separada na orixe e na reciclaxe, tendente ao residuo cero.
En rolda de prensa, o portavoz municipal Rubén Cela, acompañado do deputado no Parlamento galego Xosé Luís Rivas “Mini” e da portavoz do BNG no Parlamento europeo, Ana Miranda, presentaron as iniciativas que trasladará a organización nacionalista a estas institucións.
Segundo explicou Rubén Cela, o Concello de Santiago asinou a adhesión á Axenda 21 Local e aos compromisos de Aalborg, entre os que está evitar e reducir os residuos, a reciclaxe e a reutilización; mais tamén xestionar e tratar os residuos de acordo aos estándares de boas prácticas.
Ademais, os concellos son as administracións responsábeis da aplicación das competencias ambientais no municipio, “así como da xestión de residuos sólidos urbanos, da vixilancia e control da contaminación ambiental, ademais da protección do medio natural e da salubridade pública”, engadiu.
En febreiro de 2008, a Consellaría do Medio Ambiente da Xunta de Galiza autorizou a instalación dun vertedoiro de residuos non perigosos para a restauración do espazo natural da canteira de Miramontes, na parroquia de Grixoa en Santiago de Compostela.
Este vertedoiro ten autorización para eliminar 80.000 t/ano, cando Santiago de Compostela produce 30.000 t/ano. Ten un vaso de vertido de 1 millón de metros cúbicos, nunha superficie de 4,5 hectáreas e cunha vida útil estimada en 20 anos.
“A previsión inicial era encher este espazo con areas, terras e lodos xerados nas propias instalacións e con restos procedentes de diversas actividades industriais de construción”, explicou Rubén Cela. Esta autorización inicial foise ampliando en diversas solicitudes (agosto de 2013 e febreiro de 2014) e, na actualidade, o vertedoiro está a recibir materiais procedentes de empresas, depuradoras e vertedoiros de diversas vilas e cidades galegas, mais tamén de fóra da Galiza. Incúmprese deste xeito o principio legal e ambiental de tratamento, eliminación e valorización de residuos no punto máis próximo ao lugar onde se xeneran.
Sen peche perimetral nin illamento de balsas de residuos líquidos
Pola súa parte, “Mini” explicou algúns dos incumprimentos deste vertedoiro como que na autorización deste vertedoiro, a Xunta condicionou a autorización de impacto ambiental a dispor dun peche perimetral de malla metálica, de tipo cinexético, que impida a entrada de animais, cunha altura non menor de 1,5 m sobre a rasante do terreo. Tanto a canteira como o vertedoiro non contan cun valado que impida acceder ás instalacións.
Sobre a integración paisaxística e a restauración, sinálase que se disporán pantallas vexetais co fin de garantir a mellor integración do depósito e diminuír a súa visibilidade. Estas pantallas vexetais estarán compostas de diferentes especies arbóreas e arbustivas de folla perenne e caduca, e localizaranse de forma paralela ás trazas dos camiños que rodean o vaso. Mais estas pantallas non existen, afirmou.
Entre as medidas sobre a paisaxe, na autorización recóllese que se debe respectar a vexetación arbórea que puidera existir na contorna e naquelas zonas onde o proxecto o permita, descartarase o uso de especies foráneas con perigo de naturalizarse no medio e manterase con especial coidado a pantalla vexetal asociada ao peche perimetral.
Capas de lixo sobre o terreo que filtran a unha zona de pasto
Ana Miranda explicou que nas propias instalacións do vertedoiro a empresa Tecnolosolos Galaicos está autorizada para a elaboración de cubertas artificiais a partir de residuos compactados, que serán as que cubran o vaso da canteira.
Os tecnosolos son capas de lixo, previamente tratado, que se dispoñen en capas sobre a superficie do terreo. Ao remate, cóbrense con especies vexetais e dá aspecto de monte rexenerado, cando en realidade é unha montaña de lixo que haberá aí dentro de 20 anos, no oco da canteira, sen a debida separación e reciclaxe de residuos, como se pode comprobar.
Na zona de elaboración de tecnosolos atopáronse deficiencias como balsas sen illar con residuos líquidos con materia orgánica en descomposición, bidóns de residuos sen etiquetar e sen tapar, grandes cantidades de materia orgánica inmadura ao aire libre, vertendo líquidos directamente sobre o terreo sen impermeabilizar e lixiviados canalizados que verten directamente no terreo, advertiu.
A normativa determina que os tecnosolos se deben aplicar sobre terreos degradados, mais en Grixoa instaláronse nunha ladeira con pendente que non se atopaba degradada nin contaminada. Sinalou tamén que “os tecnosolos conteñen vertido de mesturas de restos orgánicos que producen cheiros e líquidos, sobre terreos vexetais que dan a prados destinados á gandaría”.
En canto ao vertedoiro, nas seguintes modificacións da autorización (agosto de 2013 e febreiro de 2014), pasan a admitirse materiais de construción que conteñen amianto e mesturas bituminosas (hidrocarburos e alquitráns). “A xestión destes residuos deberá ser independente, con condicións específicas de almacenaxe, para evitar afección sobre solo e augas, que se descoñece se se está a aplicar”, afirmou.
Neste sentido, o BNG trasladará ao Parlamento europeo unha batería de preguntas para verificar se se está a cumprir a normativa, “pois os riscos poden implicar problemas nos mananciais de auga e derivar na saúde das persoas”, indicou.