DÍA MUNDIAL DO MEDIO AMBIENTE
O BNG amosa na praza do Obradoiro unha galería de imaxes con irregularidades no vertedoiro de Grixoa
Realizou unha acción simbólica no Día Mundial do Medio Ambiente
Santiago de Compostela, 5 de xuño de 2017.- Con motivo do Día Mundial do Medio Ambiente, o BNG saíu á praza do Obradoiro para dar a coñecer a situación do vertedoiro de Grixoa, na canteira de Miramontes. Unha ducia de persoas exhibiu imaxes de posíbeis irregularidades detectadas no vertedoiro sobre a normativa ambiental e as autorizacións concedidas.
Segundo explicou Rubén Cela en declaracións a xornalistas, trátase dunha acción simbólica para visualizar “que temos un problema descoñecido para a veciñanza que está a tan só 7 quilómetros desta praza do Obradoiro”. O BNG vai levar unha serie de iniciativas ao Pleno do Concello, Parlamento galego e Parlamento europeo porque é un problema da veciñanza de Santiago e tamén para o conxunto do país, dos galegos e das galegas.
“Este é un vertedoiro que inicialmente estaba destinado a residuos sólidos non contaminantes procedentes da propia canteira e do ámbito da construción e, polo tanto, non tiña problema pois cumpría a autorización para tapar o furado que deixa a canteira e intentar rehabilitalo dende unha perspectiva ambiental”, explicou. O problema comeza a partir de dúas modificacións, cando en 2013 e 2014 se amplían o tipo de residuos que pode acoller o vertedoiro e se inclúen amianto, hidrocarburos e alquitrán, entre outros, altamente contaminantes.
Do punto de vista do BNG e da veciñanza de Grixoa, existe unha grave preocupación sobre que se estean a incumprir os parámetros que marca a normativa de protección ambiental. Algunhas delas son visíbeis, pois o vertedoiro non ten un perímetro valado para impedir o paso de persoas e animais, como marca a normativa, e ten balsas de líquidos contaminantes que non están impermeabilizadas e, polo tanto, “pode haber un perigo real de que acaben en regatos, fontes e minas de auga”.
Ademais, o vertedoiro acolle residuos de distintas partes do país, “dende Sogama a Nostián e mesmo temos noticia de residuos que veñen de fóra de Galiza e se incumpre un principio básico de tratamento no lugar máis próximo a onde se xeneran”.