PLENO
O BNG reclama o arranxo da fonte de Ponte Pereda, en Conxo
Recibiu queixas da veciñanza do mal estado en que se encontra
Santiago de Compostela, 6 de xuño de 2017.- O grupo municipal do BNG traslada ao Pleno a necesidade de recuperar a fonte do parque de Ponte Pereda, en Conxo, tras recibir queixas da veciñanza.
No barrio de Conxo, concretamente no parque de Ponte Pereda, a carón dun polideportivo e dunha área de descanso e de lecer para as veciñas e os veciños, hai unha fonte totalmente abandonada.
Ademais de non funcionaren os mecanismos para o seu uso, atópase chea de lodo, lixo e mesmo ás veces ten animais mortos que provocan un cheiro que molesta moito a veciñanza da contorna, que tamén se ve afectada polos mosquitos que hai pola falta de mantemento da fonte.
Ante as queixas recibidas, o BNG defenderá unha iniciativa no vindeiro Pleno para que o Goberno local proceda ao arranxo da fonte e ao coidado do parque, co fin de recuperar este espazo para o lecer da veciñanza de Conxo.