PLENO
O BNG presenta unha moción contra a recente privatización do servizo municipal de notificacións de Tráfico
A nova empresa só vai prestar servizo na zona urbana xa que non lle resulta rendíbel atender as parroquias do rural
Santiago de Compostela, 7 de xuño de 2017.- O grupo municipal do BNG reclámalle ao alcalde Martiño Noriega que realice, de urxencia, as xestións oportunas para a recuperación da prestación do servizo público de notificacións de Tráfico a través da empresa pública Correos e Telégrafos, que foi recentemente privatizado.
O Goberno local de Compostela Aberta vén de privatizar o servizo de notificacións de Tráfico, que desenvolvía Correos e Telégrafos ao abeiro dun convenio asinado coa FEGAMP, coa concesión á empresa CI Postal con sede en Valencia. Así consta na documentación da Xunta de Goberno de 31 de marzo de 2017.
No expediente de Contratación arguméntase que é unha oferta máis vantaxosa para o concello por cuestións economicistas. Porén, esta empresa só vai prestar servizo na zona urbana, onde as vivendas están agrupadas, xa que non lle resulta rendíbel atender as parroquias do rural compostelán e xa anuncia que non vai entregar as notificacións en vilas e cidades onde non ten delegación; traballo que deberá facer tamén o servizo público de Correos.
O Tribunal Supremo revocou o convenio colectivo desta empresa. Neste sentido, cómpre lembrar que as administracións deben velar por garantir as condicións laborais das empresas concesionarias que prestan servizos municipais, para dar exemplo de responsabilidade social e non premiar estes comportamentos antisociais en aras do abaratamento de custes para as arcas públicas se logo non cumpre o estipulado no convenio colectivo. Ademais, hai sentenzas que anulan a capacidade desta empresa na entrega de notificacións similares noutras cidades.
No programa de Compostela Aberta sinalábanse medidas para instaurar “unha nova forma de xestionar o público a través da cidadanía e confrontar así un modelo privatizado, especulativo que sitúa orzamentos e xestión baixo a pouta de empresas privadas”. Aludían tamén en campaña á “vaga privatizadora” para obter “maior beneficio” para “empresas concesionarias, maior precariedade no emprego, peor calidade no servizo e redución continua do número de persoas beneficiarias”.