DEPURADORA

O novo atraso no convenio da depuradora pon “en serio perigo” o financiamento europeo e supón máis anos de contaminación do Sar

Río Sar
Río Sar

“Estamos no minuto de desconto porque se necesitan 5 anos entre trámites administrativos e construción e ten que estar rematada en 2023”, di Rubén Cela

O novo atraso no convenio da depuradora pon “en serio perigo” o financiamento europeo e supón máis anos de contaminación do Sar

Santiago de Compostela, 8 de xuño de 2017.- O portavoz do grupo municipal do BNG, Rubén Cela, advertiu de que o anuncio do Goberno español sobre o novo atraso na sinatura do convenio para a futura depuradora de Santiago pon “en serio perigo” o financiamento europeo, pois fan falta 5 anos para a súa construción e a moratoria expira en 2023.

“É inaceptábel o que acontece con esta infraestrutura básica para o presente e para o futuro de Santiago de Compostela”, explicou. “Catro anos do PP foron catro anos absolutamente perdidos nesta materia pero os dous anos de Compostela Aberta son tamén perdidos porque non se avanzou”, engadiu.

Referiuse á “espada de Damocles no 2023 que é onde están en xogo os fondos comunitarios imprescindíbeis para executar unha actuación superior a 60 millóns de euros”. A depuradora vaise facer porque é imprescindíbel, afirmou, a diferenza é “se se fai pagando dende Bruxelas ou pagando a escote a veciñanza de Santiago de Compostela durante moitísimos anos a través dunha concesión”.

Recriminoulle ao Goberno de Martiño Noriega que “cada vez que van a unha reunión a Madrid di que saen moderadamente satisfeitos” e tamén “foi así nas últimas reunións coa responsábel do Estado en materia de Augas pero a experiencia di outra cousa como na humanización do paso inferior de Conxo, cando hai un ministro que saca da manga a segunda fase do orbital coa que non se compromete, con esta depuradora que atrasan o convenio a setembro, coa intermodal e a cláusula dos 3,5 millóns de pasaxeiros”, entre outras.

Referiuse tamén ás dúbidas que suscita o convenio en canto ao emprazamento da estación depuradora, ao proxecto, á tecnoloxía e á participación económica municipal, “pois o concelleiro Xan Duro falaba dun 15% e o 5% restante non se sabe quen o vai pór”. Ademais, para o BNG, a achega que reclaman do 20% municipal resulta “absolutamente deproporcionada”.

“Estamos no minuto de desconto porque as previsións son que se necesitan 5 anos entre trámites administrativos e construción da depuradora e ten que estar rematada en 2023 para poder dispor deses fondos europeos”, concluíu Rubén Cela.

O novo atraso no convenio da depuradora pon “en serio perigo” o financiamento europeo e supón máis anos de contaminación do Sar