A oferta pública de emprego de 2016 negociarase a 5 semanas de que remate o ano

oficinas
oficinas

O BNG cualifica de “raquítica e insuficiente” a proposta de modificación de postos de traballo cando cómpre unha reforma integral da organización interna do Concello

A oferta pública de emprego de 2016 negociarase a 5 semanas de que remate o ano

Santiago de Compostela, 21 de novembro de 2016.- O portavoz do grupo municipal do BNG, Rubén Cela, cualificou de “raquítica, insuficiente e inservíbel” a modificación da relación de postos de traballo que propón o Goberno municipal, que presenta ano e medio despois de tomar posesión, en troques de realizar unha reforma integral da organización interna do Concello. Ademais, indicou que resulta “rocambolesco” que a oferta pública de emprego de 2016 se vaia levar a unha mesa de negociación a 5 semanas de que remate o ano.

Deste xeito, o grupo nacionalista esíxelle ao Goberno local unha relación máis fluída co persoal municipal para que poidan ofrecer un mellor labor de xestión á veciñanza. Rubén Cela sinalou que “chega tarde” a convocatoria da mesa de negociación cos sindicatos para a modificación da relación de postos de traballo (RPT) e da oferta de emprego público para o ano 2016, que “non responde ás expectativas creadas nin aos compromisos adquiridos na campaña electoral por Compostela Aberta, porque os cambios que queren introducir son ínfimos e non van atacar a raíz dos problemas”. A última mesa de negociación foi en febreiro de 2016 “e iso non reponde a unha boa relación”, indicou.

“Como este sexa o ritmo de traballo de Compostela Aberta a respecto da organización interna deste Concello, rematará este mandato cunha situación moi parecida á que se atopou cando chegou”, explicou Rubén Cela. A principal novidade desta proposta, á que viña obrigado por lei, é a creación dun órgano administrativo responsábel de asistencia xurídica ao alcalde, órganos de goberno e directivos. Deste xeito, “pode valer para prescindir das asistencias técnicas existentes e niso estamos de acordo”, subliñou.

Hai unha macro-área que vai incluír deportes, cultura, festas, educación, centros socioculturais, relacións veciñais e xuventude, que vai crear novos problemas posto que na oferta de emprego público non se crean novas prazas, dixo.

Ademais, a reorganización do departamento de Urbanismo mantén a mesma estrutura de hai 12 anos, cando nese tempo mudaron moitos dos trámites e das normas, o que require adecualo. Os servizos económicos están colapsados e condicionan e atrasan o conxunto da actividade do Concello, ou se reestruturan ou seguirán a funcionar como un funil porque obxectivamente necesitan unha ampliación de persoal para atender axudas de servizos sociais, licitacións e demais.

Demandou tamén a creación dun departamento de inspección das concesións, porque mentres non se remunicipalicen determinados servizos e se asuma a súa xestión directa é responsabilidade do Concello velar polo cumprimento estrito do acordado nos pregos de contratación. “Pódovos asegurar con rotundidade que neste Concello non se inspecciona nada das empresas concesionarias”, indicou.

Sobre a oferta pública de emprego para 2016, indicou que resulta “rocambolesco” que se vaia levar a unha mesa de negociación a 5 semanas de que remate o ano. O alcalde bota a culpa do mal funcionamento do Concello á falta de persoal e ao PP pola norma restritiva da taxa de reposición de efectivos, mais se o orzamento se aprobaba inicialmente o 15 de marzo e de xeito definitivo en maio de 2016, pasaron seis meses da publicación da oferta pública de emprego para que se senten cos sindicatos; “parece un pouco raro ou que non ten tanta présa este Goberno municipal para poder dotarse de determinado tipo de prazas que a lei si que admite”, concluíu.

A oferta pública de emprego de 2016 negociarase a 5 semanas de que remate o ano