PLENO
O BNG propón un plan para mellorar a sinalización viaria rural e urbana
Son numerosas as queixas da falta de paneis para facilitar a chegada a lugares públicos destacados
Santiago de Compostela, 1 de marzo de 2017.- O grupo municipal do BNG proporá no vindeiro Pleno un plan de sinalización viaria rural e urbana de cara a mellorar as indicacións nas vías de acceso, así como nos lugares onde sexa preciso, co obxectivo de contribuír a facilitar a mobilidade no Concello de Compostela, a localización de espazos públicos destacados e a recuperación da toponimia.
Compostela precisa mellorar a sinalización de acceso á cidade e instalar indicadores nas vías de comunicación de entrada e de saída, así como nalgunhas das vías con bifurcacións, cruces ou desvíos por obras, para que sirvan de guía ás persoas usuarias, tanto peóns como condutoras de vehículos, sexan ou non habitantes da cidade e, polo tanto, coñecedoras do lugar de destino.
Cómpre arranxar os sinais defectuosos, repoñer os que foron eliminados e actualizar os itinerarios tendo en conta as obras realizadas nas rúas nos últimos anos, así como identificar os novos hoteis e os cambios na súa nomenclatura. Para iso, débese realizar unha nova proposta de sinalización máis efectiva, cun cambio de emprazamento dos sinais onde sexa necesario, a súa eliminación ou substitución, recolle o texto da iniciativa do BNG.
Tamén é preciso intervir nas zonas rurais para que se realice un estudo exhaustivo e proceder a indicar en que direccións se atopan as aldeas e parroquias, ademais dos lugares de interese natural e patrimonial.
No ano 2003 Turismo de Santiago – Incolsa desenvolveu unha acción integral de sinalización turística no marco do Plan de excelencia turística, para unir a sinalización hoteleira direccional urbana e a sinalización peonil da zona histórica. Con posterioridade, fóronse incorporando paneis para os novos hoteis abertos na cidade e actualizáronse a categoría e localización dos mesmos.
O Consorcio de Santiago e Turismo de Santiago tiña previsto no ano 2010 un proxecto de actuación en materia de sinalética co fin de manter a coherencia e a homoxeneidade das precedentes, mais non se chegou a realizar. Nese sentido, ía realizar un estudo de diagnose e de implementación de diversos puntos de interese que cómpre sinalizar, dende todas as entradas da cidade até os destinos culturais ou turísticos como son o aeroporto, estación de autobuses, estación de tren, Catedral, praza de abastos, Centro Galego de Arte Contemporánea, Museo do Pobo Galego, Auditorio de Galiza, Pazo de Congresos, oficinas de turismo, zona histórica e cámpings, entre outros.