PLENO

O BNG reclamará no Pleno a construción da estación ferroviaria de mercadorías na Sionlla

“Esta infraestrutura prevista no PXOM favorecerá o tecido industrial de Compostela”, explicou Rubén Cela

 

O BNG reclamará no Pleno a construción da estación ferroviaria de mercadorías na Sionlla

Santiago de Compostela, 2 de marzo de 2017.- O portavoz do grupo municipal do BNG, Rubén Cela, presentou en rolda de prensa unha proposición que trasladará ao vindeiro Pleno para dotar Santiago de Compostela da estación ferroviaria de mercadorías na Sionlla prevista no PXOM como unha das actuacións prioritarias en materia de infraestruturas, en substitución da de Cornes.

O Concello puxo a disposición do Ministerio máis de 10.000 metros cadrados que se suman aos que Renfe ten nas inmediacións da vella estación da Sionlla e en 2006 a Xunta de Galiza estabeleceu un Plan de Sectorialización para esa zona onde se reservaban 73.000 metros cadrados para esa estación ferroviaria, explicou Rubén Cela. “O último desencontro entre a Xunta e o Estado foi en 2016, pois consideraba que o mellor emprazamento era na Susana por considerar este espazo insuficiente, mentres a Xunta sempre defendeu que tiña que estar na zona industrial norte da Sionlla”, engadiu.

Para Rubén Cela, “un dos retos de futuro de Santiago é fuxir da excesiva tercialización da súa economía, unido que a súa industria ten o menor peso do Produto Interior Bruto local das 7 cidades, o que vai favorecer a creación de postos de traballo”. Para corrixir esa eiva, afirmou, é necesario dotar de melloras o solo industrial para atraer novas empresas para Santiago de Compostela, pois o polígono da Sionlla está estratexicamente situado para moitas industrias “e coas actuacións previstas da variante de Aradas e o Orbital vai estar moi ben comunicado e con bos accesos”. Así, o complemento fundamental que lle falta é esta estación de mercadorías, importante para FINSA e para o conxunto do tecido industrial de Compostela, indicou.

Deste xeito, requiriu que o alcalde Martiño Noriega traslade esta demanda ao presidente da Xunta na reunión que terán esta semana.

O BNG reclamará no Pleno a construción da estación ferroviaria de mercadorías na Sionlla