INSTITUCIONAL

Rubén Cela: “Na reunión de Noriega con Feijóo non trataron os temas que realmente son urxentes para a veciñanza de Santiago”

Foi unha oportunidade perdida para desbloquear problemas cotiás como a xestión dos comedores escolares por parte da Xunta

Rubén Cela: “Na reunión de Noriega con Feijóo non trataron os temas que realmente son urxentes para a veciñanza de Santiago”

Santiago de Compostela, 3 de marzo de 2017.- O portavoz do grupo municipal do BNG, Rubén Cela, realizou unha valoración da xuntanza do alcalde de Santiago, Martiño Noriega, co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e afirmou que “este tipo de encontros deberan valer para algo máis que para tirar unha foto e facer declaracións de boas intencións e recoñecemento de cordialidade nas relacións”.

“Foi unha oportunidade perdida para desbloquear problemas reais e cotiás que ten a veciñanza, como a asunción da xestión dos comedores escolares por parte da Xunta, a falta de prazas das escolas infantís públicas, a necesidade de melloras nos centros educativos, a comezar pola nova Escola Oficial de Idiomas ou a ampliación do Conservatorio, o centro de saúde de Conxo e o arranxo do aparcadoiro do CHUS”, indicou Rubén Cela.

“O primeiro que terían que avaliar é o cumprimento dos acordos da xuntanza de hai un ano, como o compromiso de Feijóo coa coordinación aeroportuaria, da que non se sabe onde está porque non se avanzou en nada”, afirmou.

Se ben é certo que a unha xuntanza deste tipo non se poden levar todos os asuntos pendentes con Santiago de Compostela, cómpre priorizar e esa é unha responsabilidade do alcalde. “Estamos convencidos de que a veciñanza antes de falar da taxa turística, preferiría que se falase do parque comarcal de bombeiros, da apertura do centro de discapacidade de Salgueiriños, da necesidade dun novo xulgado do Social”, indicou.

En definitiva, foi unha reunión que rematou “con poucos acordos prácticos e tanxíbeis para a veciñanza de Santiago de Compostela”.

“Que o máis noticiábel desta reunión sexa o agasallo ao fillo de Feijóo ou o anuncio de que Martiño Noriega se reunirá co Rei Filipe VI é unha boa mostra de que non se acordou nada novo de interese para a cidade, basicamente o que houbo foi un repaso a compromisos moi de vello sistematicamente incumpridos”, advertiu.

Taxa turística

“O goberno municipal non debe frivolizar con cousas importantes e non debería lanzar propostas sen tan sequera telas estudado (que tipo de táxea, a que se destinaría, que contía e por qué...), pero tampouco o Goberno galego a debera desbotar sen analiar os pros e os contras en profundidade”, indicou Rubén Cela. “CA e PP actúan con moi pouco rigor e seriedade nun tema importante como o da taxa turística”, engadiu.

Rubén Cela: “Na reunión de Noriega con Feijóo non trataron os temas que realmente son urxentes para a veciñanza de Santiago”